Nova: O Underfest Xacobeo celebra a súa sétima edición co apoio da Xunta de Galicia a través da marca Fest Galicia

12/09/2024

O Underfest Xacobeo celebra a súa sétima edición co apoio da Xunta de Galicia a través da marca Fest Galicia

Richard Hawley, Ash, Gigolo Aunts e Él mató a un policía motorizado encabezan un cartel con 20 bandas e artistas que espallarán a súa música por diferentes recintos da cidade do 13 ao 22 de setembro

Vigo, 12 de setembro de 2024

Do 13 ao 22 de setembro seis auditorios e salas de Vigo acollerán as propostas musicais do festival Underfest Xacobeo, que celebra a súa sétima edición co apoio da Xunta a través do patrocinio da marca FEST Galicia. Richard Hawley, Ash, Gigolo Aunts e El mató a un policía motorizado encabezan un cartel con concertos de 20 artistas, que se espallarán por diferentes espazos da cidade dándolle ao público a oportunidade de gozar da música ao vivo en distancias curtas.

O Underfest engade este ano ao seu nome a mención ao Xacobeo e renova a súa adhesión a FEST Galicia, o selo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que ten como obxectivo promover o noso territorio como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade, de maneira que os eventos que a integran reúnen características singulares e diferenciadoras como valor engadido á experiencia musical e serven de plataforma para a diversidade artística.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento na Galería Maraca de Vigo xunto a Raquel Seijo e David Lago, responsables de Sweet Nocturna, promotora do festival. Como Underfest Xacobeo, o festival dá un paso adiante cunha programación marcada pola diversidade e a calidade das propostas en recintos pechados e cun aforo que permite gozar da música e dos artistas dun xeito diferente.

Na súa intervención, Jacobo Sutil subliñou que desde a Xunta se abordan os festivais de música ao vivo como eventos estratéxicos pola súa capacidade para darlles visibilidade e e promoción ao talento musical galego e ao noso territorio, ao tempo que  contribúen  á dinamización e profesionalización do sector, son ferramentas para a atracción da xente nova cara os produtos culturais e constitúen unha magnífica opción de ocio para toda a cidadanía.

Bandas consagradas e artistas galegos

Boa parte do público do Underfest Xacobeo, un dos últimos eventos do verán musical en Galicia, procede, non só de fóra da cidade de Vigo, senón da comunidade, grazas a un cartel que combina bandas e artistas consagrados como Richard Hawley, Ash, Gigolo Aunts e El mató a un policía motorizado con novos talentos como La Cendejas, La Milagrosa ou Sistema de Entretenimiento.

Tamén forman parte da carteleira deste ano os concertos dos artistas galegos Eladio Santos e Santi Araújo. Este último precederá ao cantante e guitarrista británico Richard Hawley, que actúa por vez primeira en Vigo, o sábado 21 no Teatro Salesianos, nunha actuación que ten as entradas esgotadas desde hai semanas.

Os abonos para o festival, que saíron á venda en dúas quendas, tamén están esgotados. Aínda que o groso do festival se desenvolve do 20 ao 22 de setembro, o punto de partida terá lugar este venres 13 de setembro no Auditorio municipal de Vigo cos concertos de Fink, formación do produtor e compositor Fin Greenall, responsable de bandas sonoras de grandes series televisivas así como dos primeiros temas de Amy Winehouse e da banda de soul das Midlands británicas Stone Foundation, que celebra o seu 25º aniversario na sala Masterclub.

Vinte artistas en total forman parte do cartel Underfest Xacobeo 2024, que ademais de levar a música ao vivo ao Auditorio Municipal e aos teatros Salesianos e Afundación, reserva boa parte do seu programa para as salas de música da cidade como Radar Estudios, Kominsky e Masterclub.

Sustentabilidade, inclusión e igualdade son algúns dos eixos que a organización do Underfest Xacobeo destaca á hora de explicar como se artella a programación do festival, filosofía que conecta cos obxectivos de FEST Galicia, marca da que este ano formaron parte tamén os xa celebrados Rompetiño Jump en Porto do Son, 17º Festival Ribeira Sacra en varios concellos desa zona de Lugo, Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón e SonRías Baixas en Bueu.

Comparte