Nova: O audiovisual galego prepara 21 novas producións de cine e televisión cofinanciadas pola Xunta con 3 M€

14/09/2024

O audiovisual galego prepara 21 novas producións de cine e televisión cofinanciadas pola Xunta con 3 M€

Publícase na web de Industrias Culturais a concesión da convocatoria anual de axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais a 13 longametraxes cinematográficas, seis curtas e dúas series televisivas

Trátase da liña de subvencións con maior investimento das nove destinadas en 2024 a este sector e que suman unha dotación de preto de 6,7 M€ para apoiar as distintas fases que van do proceso creativo á rodaxe e chegada ás pantallas

Continúa medrando o número de propostas de mulleres guionistas e directoras, así como a versión orixinal galega

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024

O audiovisual galego conta cun investimento de 3.000.000 de euros por parte da Xunta para levar a cabo os 21 novos títulos de cinema e televisión que veñen de obter subvención a través da convocatoria anual para a produción e/ou coprodución de longametraxes, curtas e series. Trátase da liña de axudas con maior orzamento das nove destinadas en 2024 a este sector, que suman unha dotación de preto de 6,7 millóns de euros para apoiar as distintas fases que van desde o inicio do proceso creativo á chegada ás pantallas, pasando pola rodaxe, difusión ou comercialización, entre outras.

Na resolución de concesión publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, recóllese que dos 21 proxectos subvencionados, 11 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, seis á de curtametraxes e dúas á de series de televisión e/ou plataforma de vídeo baixo demanda. Ademais, a metade deles veñen avalados pola concesión en anos anteriores de axudas para a escritura do guión e para o desenvolvemento previo das tarefas de preprodución a través das correspondentes convocatorias do Goberno galego.

En 2024 confírmase a tendencia crecente no que respecta á versión orixinal galega, que desta volta se dá en 15 producións beneficiarias, así como no número de propostas de autoría feminina con directoras e/ou guionistas como Ángela Andrada, Carla Andrade, Silvia Cachafeiro, Madi Canals, Berta Dávila, Araceli Gonda, Lucía Estévez, Giselle Llanio, Giovanna Lopalco, Irene Pin, Ledicia Sola, Alicia Úbeda, Lidia Veiga ou Paloma Zapata.

Longametraxes

Na categoría de longametraxes, oito dos proxectos reciben apoio na submodalidade de ficción con axudas que se sitúan maioritariamente entre os 260.000 e os 280.000 euros. Atópanse nesta listaxe a comedia costumista Unha cornetada para Lucrecia, de Portocabo TV, con dirección de Jorge Coira e guión de Araceli Gonda; o debut no formato longo de Lucía Estévez cunha proposta ambientada na movida viguesa dos oitenta -As defensas, de Cósmica Producións- coa que participou en diferentes laboratorios de desenvolvemento, ou o regreso de Alfonso Zarauza ao seu cine máis persoal co drama Islandia, presentado por Matriuska Producciones e coescrito con Ledicia Sola. Outras produtoras subvencionadas son Zeitun Films para Alumbre, do director arxentino Alejandro Telémaco Tarraf; Tamboura Films para Mil ourelas, de Sebastián Uría; Serea Producións para Só o ruído pode salvarnos, de Santos Díaz; Aurora Audiovisual AIE para Leo&Lou, de Carlos Solano, e Adeus Berta AIE para Adeus Berta, con dirección de Fernando Tato a partir do guión escrito con Ángela Andrada e recoñecido co XX premio Julio Alejandro da SGAE.

No apartado de longas documentais, as tres subvencionadas con 80.000 euros cada unha son Golpear a un coloso, de Recrea Films e dirección de Marcos Nine, que aborda o caso Couso e o periplo da familia do camarógrafo ferrolán falecido na guerra de Irak; A montaña na miña parede, de Filmika Galaica, na que Carla Andrade propón unha viaxe persoal desde o baleiro do Himalaya ata o deserto de Atacama; e Juliette & Camille, de Indígena Films, con guión e dirección  de Paloma Zapata.

En canto á modalidade de coproducións internacionais con participación minoritaria española, a Xunta contribúe con 50.000 euros á realización doutro documental de Filmika Galaika, Bandeirantes, e con 150.000 euros á longa de animación Chocó e a selva máxica, encabezada por Brasil e Portugal coa implicación da compañía galega Abano Producións.

Series de televisión

Lume, serie galego-portuguesa presentada por Setemedia e que acaba de rematar a súa rodaxe, conta con 260.000 euros na categoría de proxectos de televisión e plataformas, na que tamén conseguiu unha axuda de 240.000 euros Pensión incompleta, de Voz Audiovisual, proxecto pioneiro que se filmará en Galicia, Cataluña e País Vasco coa participación das tres televisións autonómicas e a plataforma Amazon.

Finalmente, cofináncianse con 15.000 euros en cada caso seis curtametraxes: as de ficción As maos da pulpeira (Matriuska Producciones), de Silvia Cachafeiro; Souvenir (Frida Films), de Madi Canals, e Garabato (Cristela Torres Nine), de Alicia Úbeda; as de animación Cumi (Gaitafilmes), de David Fidalgo, e O lauro (Acarino Films), de Giovanna Lopalco, e o documental Escala 1:50.000 (Rebordelos), de Ángel Suances.

Comparte