Nova: López Campos pon en valor a implicación da Xunta na proxección de Galicia como referente do gravado no mundo
14/09/2024
López Campos pon en valor a implicación da Xunta na proxección de Galicia como referente do gravado no mundo
Salienta o “prestixio” co que goza a Comunidade galega nesta técnica artística, da que destaca o crecente interese das xeracións máis novas
Gaba a dinamización cultural do rural que realiza o Museo do Gravado das Artes e destaca o “importante impacto” que suporá a futura Rede Adival do Goberno galego
Ribeira (A Coruña), 14 de setembro 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe a “importante implicación” do Goberno galego na promoción e proxección de Galicia “como referente do gravado no mundo”. Fíxoo no acto de entrega de galardóns do XV Premio Atlante de Gravado, celebrado no Museo das Artes do Gravado, no municipio coruñés de Ribeira, no que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
O titular de Cultura do Goberno galego considerou que “a pluralidade de nacionalidades” dos traballos presentados a esta edición —con premiados procedentes de Polonia, México e Italia— reflicten “o prestixio no manexo desta técnica co que conta Galicia fóra das nosas fronteiras”.
Precisamente, o conselleiro interpretou como “especialmente significativo” o feito de que, entre as persoas galardoadas, estivesen numerosos artistas galegos. Así, o Premio Galicia – Pedras de Santiago recaeu na ferrolá Elvira Paz, mentres que, entre as mencións de honra, foron distinguidos os coruñeses Irati Retolaza e Manuel Lareo, e os pontevedreses, José Ramón Rivas e Rosa María García.
Neste senso, salientou a participación das xeracións máis novas “impulsando unha técnica das máis antigas”, a vez que fixo fincapé en que “se garante, deste xeito, a remuda nesta arte, tan fermosa como sutil”. Por estes motivos, gabou o ”importe papel” que desenvolve o Museo do Gravado das Artes como “dinamizador cultural, en especial no rural”. “Co voso traballo levastes a Ribeira, e polo tanto a Galicia, a ser un dos referentes dentro dos grandes proxectos do mundo do gravado a nivel internacional”, enxalzou o conselleiro.
Rede Adival
Ao respecto do pulo á dinamización cultural do rural, López Campos subliñou tamén o “importante impacto” que suporá a futura Rede Adival —cuxa orde de creación está prevista para este mes— para a poboación que vive fóra das áreas urbanas.
Deste xeito, erixiuna como unha “potente ferramenta” para facilitarlle aos habitantes do rural acceso a este tipo de programacións, á vez que permitirá que se lle incremente a oferta para que poidan participar en actividades culturais, “o que supón un pulo significativo para a democratización cultural en todo o territorio galego”, concluíu.