Nova: A Xunta inicia a vindeira semana a restauración do Templo Votivo do Mar cunha achega de case 350.000 €
15/09/2024
A Xunta inicia a vindeira semana a restauración do Templo Votivo do Mar cunha achega de case 350.000 €
O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías causadas polo paso do tempo neste ben obra do arquitecto Antonio Palacios
A actuación centrarase nas vidreiras, rosetóns e forxados da torre e alongaranse ata o primeiro semestre do ano 2025
A actuación enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural da Comunidade
Nigrán (Pontevedra), 15 de setembro 2024
A Xunta de Galicia comezará a vindeira semana os traballos de restauración do Templo Votivo do Mar, localizado no concello pontevedrés de Nigrán, nos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste case 350.000€ para reparar os danos causados polo paso do tempo neste ben obra do arquitecto Antonio Palacios.
Así, tras detectar as deficiencias e patoloxías que afectan ao ben, o Goberno galego pon en marcha unha restauración que permitirá garantir o valor histórico e artístico deste monumento localizado ao pé do Camiño de Santiago ao centrarse especialmente nas zonas das vidreiras, rosetóns e forxados da torre. Trátase dunha actuación enmarcada no compromiso da Administración autonómica coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural da Comunidade que está previsto rematar no primeiro semestre do ano 2025.
Cómpre destacar que para levar a cabo estes traballos, realizouse un traballo previo con metodoloxía BIM a partir do modelo 3D do inmoble. Esta metodoloxía de traballo colaborativo trata de centralizar todos os datos e informacións do proxecto, o cal facilita a xestión e axuda a acadar un mellor resultado e eficiencia. Deste xeito, tendo en conta os custos dos traballos previos, o investimento do Goberno galego nestas actuacións supera os 430.000€.
Construído en 1930
Para a execución desta actuación, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FEDER Galicia 2021-2027, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten firmado un convenio de colaboración coa Diócese de Tui-Vigo para a posta a disposición dos terreos e infraestruturas necesarias que permitan a execución das obras de conservación e restauración de varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa.
O Templo Votivo Internacional do Mar, localizado no concello de Nigrán, foi realizado polo arquitecto Antonio Palacios e está protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Catálogo do Patrimonio Cultura de Galicia. Trátase dunha das obras máis destacadas da arquitectura sagrada galega recente, construído na década de 1930.