Nova: A primeira reunión aberta á cidadanía para enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga celebrarase mañá

16/09/2024

A primeira reunión aberta á cidadanía para enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga celebrarase mañá

O Consello informa hoxe dos seguintes pasos que dará a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra neste proxecto

Ambas administracións apostan porque a sociedade xogue un papel fundamental na recuperación deste espazo emblemático para convertelo en centro pioneiro e de referencia da cultura de Galicia e norte de España

O encontro celebrarase na sede da Xunta en Vigo e forma parte da escoita activa aberta xa en agosto coa caixa de correos virtual, na que xa se teñen recibido preto de 200 propostas de entidades culturais e particulares

Este proceso, incluído na campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’, completarase con outras xuntazas con diferentes colectivos e representantes do sector

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024.- A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra celebrarán mañá na Delegación do Goberno en Vigo a primeira  reunión aberta a toda a cidadanía para enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga. O obxecto deste encontro é coñecer de primeira man as propostas e suxestións de todos os vigueses e viguesas e deseñar, así, unha senda compartida para convertelo nun centro de desenvolvemento cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.

Así se deu conta no informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avaliado hoxe na reunión do Consello que inclúe os seguintes pasos que darán a Xunta e a Deputación para a apertura do antigo Teatro Fraga, inmoble pechado desde 2011 e que está valorado como unha xoia da arquitectura civil. Considerado un edificio emblemático, conta con máis de 7.000 metros cadrados no pleno centro de Vigo e forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Polo tanto, tras a súa compra este verán por máis de 9,3 millóns de euros coa Deputación de Pontevedra, a súa recuperación vai supoñer un fito cultural e social de primeira magnitude non só para esta cidade, senón para toda Galicia, xa que se vai reabrir para o seu uso público un edificio cun enorme simbolismo.

Por este motivo, ambas administracións entenden que a sociedade ten que xogar un papel fundamental no deseño do futuro plan de usos do Teatro Fraga. Con esta intención púxose en marcha a campaña O mellor espazo busca o mellor contido, coa que se procura levar a cabo unha reflexión colectiva coa participación activa da poboación sobre o futuro e as oportunidades que se abren coa súa reapertura.

Deste xeito, a iniciativa desenvólvese a través de dúas vías: unha caixa de correo electrónico, na que xa se levan recibidas numerosas aportacións, e a programación de varias xuntanzas abertas á cidadanía, cuxo primeiro encontro terá lugar mañá e que continuarán nos vindeiros meses con diversos axentes culturais, sociais e económicos da cidade.

Cómpre salientar neste senso que se está ante un recurso cultural de gran potencial para o fortalecemento da industria, o impulso á creación e o empuxe á oferta cultural, na que se vai apostar pola innovación, dixitalización e sustentabilidade.

Preto de 200 propostas a través da caixa de correos virtual

A caixa de correos virtual está a ter unha grande acollida, como así o reflicten as preto de 200 achegas rexistradas desde que se abriu o pasado 23 de agosto. Así, permanecerá en funcionamento ata finais de setembro, polo que poderán seguir enviando as súas propostas ao enderezo propostas@teatrofraga.gal tanto entidades como particulares.

 Con esta apertura á sociedade procúrase incorporar as súas demandas para construír con ela o mellor proxecto cultural para Vigo, Galicia e noroeste da península, xa que se debe lembrar que a sociedade civil reclamou en reiteradas ocasións, ao longo destes anos de peche do Teatro Fraga, que o edificio retomase a súa actividade, e que non se perdese o importante capital histórico e o seu simbolismo para a historia da cidade.

Programación ambiciosa, incluídas iniciativas de carácter internacional

No informe do Departamento de Cultura do Goberno galego dáse conta da relevancia incuestionable que supón para a cidade de Vigo e tamén para o  tecido cultural de Galicia reabrir o Teatro Fraga. Deste xeito disporase dun inmoble con salientables características, en canto a tamaño e diversidade de espazos interiores. Consecuentemente, tanto Vigo como Galicia gañarán coa materialización deste proxecto un vector cultural moi significativo, apto para desenvolver programacións ambiciosas e relevantes, incluídas iniciativas de carácter internacional.

 

O que se prevé é aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.

Calendario

Tras a recadación de propostas para enriquecer o futuro Plan de usos do Teatro Fraga prevese que o proxecto quede redactado neste mesmo ano e se reserve a previsión dos primeiros investimentos nos orzamentos de 2025, ano en que se fará a súa presentación pública.

Entre 2025 e 2026, prevese a licitación e adxudicación das obras, coa intención de que estean rematadas e listo para o seu uso ao final deste período.

Compromiso do Goberno galego con Vigo

O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época.

A súa recuperación é un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e tamén co apoio e pulo ao seu tecido cultural como xa se fixo coa reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como se está facendo na antiga Audiencia Provincial coas obras do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.

 

Comparte