Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa 17 actuacións na cidade da Coruña ata o mes de decembro
16/09/2024
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa 17 actuacións na cidade da Coruña ata o mes de decembro
Ofreceranse as últimas producións de Sarabela, Berrobambán, Janet Novás e Elefante Elegante, entre outras compañías
A peza ‘Terceiro acto’, que o Centro Dramático Galego recupera co gallo do seu 40º aniversario, atoparase co público coruñés no Teatro Rosalía o 14 de novembro
A Coruña, 16 de setembro de 2024
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cofinanciado pola Xunta e 42 entidades locais, continúa a presentar a súa programación para os últimos catro meses deste ano 2024. No caso da cidade da Coruña, que conta co Teatro Rosalía Castro e co Fórum Metropolitano como espazos asociados, serán 17 as representacións que se levarán a cabo no marco rede autonómica.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, ofreceu os detalles desta colaboración durante o acto no que se deu a coñecer a nova carteleira infantil e o ciclo Sen Numerar do Fórum Metropolitano.
Máis de 550 representacións en 2024
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que neste cuadrimestre son 15 os concellos coruñeses con programación escénica e musical ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que en 2024 conta cun orzamento de preto de 2.000.000 € para levar a cabo 556 actuacións de teatro, danza, maxia, circo e música en máis de 40 localidades. Este investimento destínase integramente á contratación das 172 formacións artísticas profesionais, galegas na súa meirande parte, que lle dan forma a esta carteleira.
Na Coruña, a programación do circuíto para o último tramo do ano botar a andar o 21 de setembro cun menú dobre de teatro e danza. Dunha banda, o Fórum Metropolitano acollerá a nova compañía Código Azul co seu especáculo Tolóptica. Doutra, a intérprete e bailarina Janet Novás, gañadora do Premio Goya á actriz revelación 2024, sobe ao escenario do Rosalía coa peza Proto (SN1806).
Citas no Fórum
Entrecajas, proposta de Teatro Paraíso premiada este ano como mellor espectáculo de clown na Feira Internacional de Artes Escénicas para Nenos, Nenas e Familias de Xixón, poderá verse no Fórum Metropolitano os días 27 e 28 deste mes. Xa en outubro chegan a este mesmo escenario da man da Rede Galega de Teatros e Auditorios Desexo de Talía Teatro (día 4), Kyoki de Elefante Elegante (día 19) e Kennebec de Iria Pinheiro (día 25). Nese mesmo mes, o Teatro Rosalía de Castro recibirá a Sarabela Teatro con O dragón de ouro (25 e 26 de outubro).
En novembro, será a quenda de Berrobambán, con Mulleres que viven soas (8 de novembro), peza de Paula Carballeira que se estrea unhas semanas antes no FIOT de Carballo; Os Náufragos con Hugo (16 de novembro) e Pérez&Fernández con Nanai da China (23 de novembro). Estas tres citas terán lugar no Fórum Metropolitano, que no último mes do ano acollerá Neura da compañía De Ste Xeito (5 de decembro) e o espectáculo de circo Compaña de Xampatito Pato (13 e 14 de decembro). Pola súa banda, o Teatro Rosalía Castro recibe os días 13 e 14 de decembro a Contraproducións con Entrega en man.
‘Terceiro acto’ en novembro
Ademais da oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o público da Coruña poderá gozar en novembro da produción Terceiro acto do Centro Dramático Galego. Será o día 14 no marco do Ciclo Principal do Teatro Rosalía dentro da xira deste espectáculo, que se recupera co gallo do 40º aniversario da unidade de produción teatral da Xunta.
Trátase dunha peza producida orixinalmente en 2021 en homenaxe ás primeiras xeracións de intérpretes profesionais do teatro galego e que se reestreará no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 3 de outubro.