Nova: López Campos aplaude o labor do audiovisual galego na posta en valor dos nosos referentes históricos

17/09/2024

López Campos aplaude o labor do audiovisual galego na posta en valor dos nosos referentes históricos

Zenit TV encabeza a produción de Antes de Nós, que se filma ata finais de mes nunha decena de concellos galegos cunha subvención da Xunta de 280.000 euros

Xoán Fórneas e Cris Iglesias protagonizan a película, que aborda dous momentos pouco coñecidos na vida do intelectual rianxeiro e na xestación da súa figura

Pontevedra, 17 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta mañá en Pontevedra o equipo da rodaxe de Antes de Nós, a nova película da directora Ángeles Huerta, arredor da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Zenit TV encabeza esta produción, que se filma durante este mes nunha decena de concellos galegos e conta cunha subvención de 280.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

López Campos tivo a oportunidade de asistir á gravación dalgunhas escenas do filme e de felicitar tanto á súa produtora executiva, Zaza Ceballos, quen foi recoñecida este mesmo ano cunha das Medallas de Ouro de Galicia, como ao resto do equipo polo avance deste novo proxecto do audiovisual galego. Subliñou, ademais, que con este título, Zenit TV continúa na senda de poñer en valor grandes referentes da nosa historia como xa fixera no caso de Juana de Vega, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.

A nova longametraxe de Ángeles Huerta, directora de O corpo aberto ou Esquece Monelos, céntrase en dous momentos pouco coñecidos, pero claves tanto na vida persoal de Castelao como na xestación da súa figura simbólica para Galicia. A partir do guión de Pepe Coira, nárrase o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado pola súa muller, Virxinia Pereira, tras a perda do seu único fillo aos 14 anos de idade. Así, afondarase nas emocións e nas circunstancias vitais de Castelao antes de se converter no referente histórico que coñecemos na actualidade.

Reparto galego

Xoán Fórneas, no papel do intelectual rianxeiro, e Cris Iglesias, no da súa dona, encabezan o reparto galego de Antes de Nós, do que tamén forman parte Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insua, Sergio Zearreta, Isabel Vallejo ou Adrián Ríos.

Ademais de Pontevedra e Rianxo, lugares escollidos pola relevancia na vida de Castelao, a rodaxe estase a levar a cabo noutras localizacións de Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Catoira, A Estrada, Silleda ou Negreira, onde se reproducen os escenarios nos que viviu o protagonista.

Zenit TV produce Antes de Nós con Retrincos AIE que, ademais de co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, conta tamén coa participación da Televisión de Galicia. A súa chegada ás salas de cinema está prevista para 2025.

Comparte