Nova: A Xunta e a poeta Yolanda Castaño poñen en marcha a XIII edición do Obradoiro de Tradución Poética da Illa de San Simón

17/09/2024

A Xunta e a poeta Yolanda Castaño poñen en marcha a XIII edición do Obradoiro de Tradución Poética da Illa de San Simón

O director xeral de Cultura destacou esta iniciativa como “unha oportunidade para que os autores compartan e aprendan das súas culturas e linguas”

A iniciativa celebrarase desde o 30 de setembro ata o 5 de outubro coa participación de seis profesionais de Romanía, Serbia, Malta, Colombia, Cataluña e Galicia

A autora tamén xestiona a Residencia Literaria 1863 da Coruña na que colabora o Goberno galego

Santiago de Compostela, 17 de setembro 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo presentou hoxe a XIII edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, onde o Goberno galego e a poeta Yolanda Castaño colaboran na celebración desta cita que terá lugar na Illa de San Simón do 30 de setembro ata o 5 de outubro. Neste acto, Anxo M. Lorenzo salientou a iniciativa como “unha oportunidade para que os autores compartan e aprendan das súas culturas e linguas”.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a implicación e o traballo, neste proxecto, “dunha das voces poéticas en galego máis distinguidas do noso país”. Neste senso, fixo fincapé no amplo abano de oportunidades co que contan os profesionais do sector e no “gran momento que está a vivir a nosa cultura”.

No marco deste acto, puxo en valor as iniciativas que a Dirección Xeral de Cultura pon en marcha para o impulso do libro e da lectura en galego, como son esta proposta, o Programa de Residencias Artísticas no Gaiás, as feiras do libro ou os galardóns tanto a autores xa consolidados, como aos máis noveis.

A cita coordinada pola autora arrancará na Illa de San Simón coa participación de autores galegas, nacionais e internacionais. En concreto, os profesionais que convivirán dende o 30 de setembro ata o 5 de outubro neste espazo son: Radu Vancu, de Romanía; Petar Matovic, de Serbia; Nadia Mifsud, de Malta; Andrea Cote, de Colombia; Martí Sales, de Cataluña, e Jesús Castro Yáñez, de Galicia.

Residencias literarias

Ademais desta iniciativa, Yolanda Castaño tamén xestiona a Residencia Literaria 1863 da Coruña, na que colabora a Xunta. Nela está a realizar a súa estadía o irlandés Dylan Brennan, un escritor de prosa e poesía que actualmente reside en México.

Dentro do plan de impulso ao libro galego, a illa de San Simón tamén acollerá entre setembro e novembro a residencia literaria na que participan máis de vinte de autores. O obxectivo da actividade é apoiar a creación ofrecéndolles unhas condicións idóneas a través dunha estadía na ría de Vigo de 15 días.

Así, os autores chegarán á illa o 23 de setembro e a última estadía rematará o 18 de novembro. Deste xeito, os participantes gozarán de aloxamento en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris e de espazos comúns de traballo, con varias estancias con conexión a internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.  

Comparte