Nova: Máis dun cento de persoas achegan as súas propostas para enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga no primeiro encontro aberto á cidadanía
17/09/2024
Máis dun cento de persoas achegan as súas propostas para enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga no primeiro encontro aberto á cidadanía
López Campos e Luis López agradecen a entidades culturais e a particulares o seu “enorme interese” e compromiso cara á recuperación deste espazo emblemático
A reunión forma parte da escoita activa aberta xa en agosto coa caixa do correo, na que se teñen recibido preto de 200 propostas de entidades culturais e particulares
O proceso, incluído na campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’, completarase con xuntanzas sectoriais con colectivos e representantes do sector
Ambas administracións apostan porque a sociedade xogue un papel fundamental para convertelo en centro pioneiro e de referencia da cultura de Galicia e norte de España
Vigo, 17 de setembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebraron hoxe a “boa acollida” do primeiro encontro aberto á cidadanía para enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga, ao que se achegaron máis dun cento de entidades e particulares. Ambos representantes institucionais agradeceron o “enorme interese” e as “valiosas achegas” das persoas asistentes á sede da Delegación da Xunta en Vigo e amosáronse convencidos de que as súas propostas serán de “grande utilidade” no deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.
López Campos valorou este tipo de contactos para “coñecer de primeira man” ideas e proxectos nos que, ao seu entender, se evidencia “unha fonda carga afectiva” por este edificio emblemático, pechado desde 2011, e que está considerado unha xoia da arquitectura civil. Ademais, subliñou a constatación, durante a celebración deste encontro, de que existe un “convencemento común do tremendo potencial para toda Galicia” deste inmoble, que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e que ofrece máis de 7.000 metros cadrados de uso cultural no pleno centro de Vigo.
Por estes motivos, agradeceu o “compromiso da sociedade” coa posta en marcha de proxectos, que son “ben común de todos e para todos” e defendeu este tipo de encontros, “que incentivan ao papel activo que debe ter a cidadanía”. Precisamente, lembrou que con esta intención púxose en marcha para o Teatro Fraga a campaña O mellor espazo busca o mellor contido, “coa que se procura levar a cabo unha reflexión colectiva coa participación activa da poboación sobre o futuro e as oportunidades que se abren coa súa reapertura”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra agradeceu a resposta á convocatoria e defendeu que o Cine Fraga “conta con moi bos valedores”, os que se encargarán de “definir a nova vida do Fraga e ides garantir que medre como un centro cultural referente para Vigo, a provincia, Galicia e todo o noroeste de España”. Así mesmo, Luis López destacou, no tocante á recuperación do Cine Fraga, o compromiso da Deputación e a Xunta para “cumprir coa palabra dada” e para “cumprir o desexo de Vigo”.
Preto de 200 propostas a través dunha caixa do correo virtual
Esta campaña conta tamén cunha caixa do correo virtual que, segundo salientou o conselleiro, está a ter unha “grande acollida, como así o reflicten as preto de 200 achegas rexistradas desde que se abriu o pasado 23 de agosto”. Así, permanecerá en funcionamento ata finais de setembro, polo que poderán seguir enviando as súas propostas ao enderezo propostas@teatrofraga.gal tanto entidades como particulares.
Ademais, esta apertura á sociedade da recuperación do Teatro Fraga tamén inclúe a programación de varias xuntanzas abertas á cidadanía. Así, tras o primeiro encontro de hoxe, continuarase con máis reunións nos vindeiros meses con diversos axentes culturais, sociais e económicos da cidade.
Finalmente, o conselleiro de Cultura valorou a compra —por máis de 9,3 M€— da Xunta e da Deputación de Pontevedra deste edificio, e incidiu en que a súa recuperación vai supoñer “un fito cultural e social de primeira magnitude non só para esta cidade, senón para toda Galicia, xa que se vai reabrir para o seu uso público un edificio cun enorme simbolismo”.
Programación ambiciosa, incluídas iniciativas de carácter internacional
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é coñecedora da relevancia incuestionable que supón para a cidade de Vigo e tamén para o tecido cultural de Galicia reabrir o Teatro Fraga. A súa recuperación supón dispor dun inmoble con salientables características en canto a tamaño e diversidade de espazos interiores. Consecuentemente, tanto Vigo como Galicia gañarán coa materialización deste proxecto un vector cultural moi significativo, apto para desenvolver programacións ambiciosas e relevantes, incluídas iniciativas de carácter internacional.
O que se prevé é aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.
Calendario
Tras a recadación de propostas para enriquecer o futuro plan de usos do Teatro Fraga prevese que o proxecto quede redactado neste mesmo ano e se reserve a previsión dos primeiros investimentos nos orzamentos de 2025, ano en que se fará a súa presentación pública.
Entre 2025 e 2026, prevese a licitación e execución das obras, coa intención de que estean rematadas e listo para o seu uso ao final deste período.
Compromiso do Goberno galego con Vigo
O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época.
A súa recuperación é un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e tamén co apoio e pulo ao seu tecido cultural como xa se fixo coa execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como coas obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín que porá á disposición da cidadanía un edificio multiúsos para darlle espazo a entidades socioculturais, ademais do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.