Nova: A tempada expositiva das galerías de arte comeza hoxe en Santiago, A Coruña e Vigo
19/09/2024
A tempada expositiva das galerías de arte comeza hoxe en Santiago, A Coruña e Vigo
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompaña na capital galega a Dupla, Luisa Pita, Trinta e Metro no inicio de ‘Aberto 24’
A cita promove a arte contemporánea a través dun programa que mañá comeza tamén en Ourense
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024
A tempada expositiva das galerías de arte promovida pola Asociación das Galerías de Arte de Galicia co apoio da Xunta de Galicia comezou hoxe en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. O programa Aberto 24 comezará mañá tamén en Ourense e ofrece así a oportunidade de gozar da produción artística en nove galerías.
No marco desta inauguración, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo acompañou hoxe ás galerías Dupla, Luisa Pita, Trinta e Metro que estrean respectivamente, Inner Garden, da artista urbana Lula Goce; Al otro lado del espejo, do ovetense Fernando Suárez Reguera; Amada, de Juana González, e Tienes un gusto de mierda. Yo también, de Suso Basterrechea. Neste percorrido polas diferentes entidades, agradeceu aos organizadores a súa implicación para impulsar os traballos dos creadores galegos a través desta programación que reúne tanto artistas noveles como consagrados.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso do Goberno autonómico coa actividade destes profesionais, tal e como se reflicte nas axudas para a participación en feiras e certames convocados polo Goberno galego. Trátase dunha liña que incrementou na edición deste ano e na que se inclúen algúns dos espazos visitados por Anxo M. Lorenzo.
Variedade de propostas noutras cidades
Aberto 24, posta en marcha pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, inicia a tempada expositiva das súas nove galerías na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. Na Coruña, Nordés inaugura A pintura que mira, do ourensán Ánxel Huete; Moret Art presenta Fragilis, do valdeorrés Iván Prieto, e Vilaseco, coa obra do artista madrileño Eduardo Martín del Pozo na exposición Las flores más caras.
No caso de Vigo, a galería PM8 abre Le Visage, da artista lituana Elena Narbutaité. Finalmente mañá, a galería Marisa Marimón de Ourense exporá Friccións, da fotógrafa estradense Ariadna Silva Fernández.