Nova: O CGAC reúne as obras de Mayte Vieta na súa nova exposición ‘O Son do Mar’
20/09/2024
O CGAC reúne as obras de Mayte Vieta na súa nova exposición ‘O Son do Mar’
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a mostra que se inaugurará esta tarde e poderá verse ata o 19 de xaneiro
O proxecto conta con varias series de pezas que pertencen a diferentes períodos e disciplinas artísticas como fotografías, esculturas ou instalacións, unha delas, ‘O paraíso perdido’, creada especificamente para a mostra
O auditorio do museo acollerá esta tarde unha conversa pública na que participará a propia artista xunto coa comisaria e o director do centro
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a exposición que reúne as obras da artista visual Mayte Vieta. O Son do Mar que se inaugura esta tarde e poderá verse ata o 19 de xaneiro.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a importancia desta exposición cunha artista consolidada que reúne, na primeira planta do museo, varias series de pezas, unha delas titulada O paraíso perdido e creada especificamente para o CGAC. Estes conxuntos pertencen a diferentes períodos e disciplinas artísticas como fotografías, esculturas ou instalacións. De Mayte Vieta destacou “a forma na que emprega o espazo e a luz como medios de expresión nos soportes que elixe, dotándoos de intimidade e introspección”.
Na presentación, Anxo M. Lorenzo convidou a visitar a mostra “dunha artista gabada pola crítica en centros de renome españois ou en feiras como a Feria Internacional de Arte Contemporáneo de Madrid”. Neste senso, lembrou que, como complemento á exposición, o auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá esta tarde unha charla na que participará a propia artista xunto coa comisaria, Natàlia Chocarro, e o director do centro, Santiago Olmo.
Mayte Vieta. O Son do Mar, aborda neste conxunto os temas recorrentes na súa obra como son a memoria, o silencio, a fraxilidade do ser humano e o paso do tempo acompañados polos paisaxes naturais abstractos, escuros e mariños, ou que carecen de referencia espacial. A mostra é unha colaboración coa Fundación Vila Casas de Barcelona, institución especializada na arte contemporánea, activa e recoñecida no panorama nacional actual.