Nova: A Xunta apoia o Ourense Film Festival nunha 29ª edición que reforza a aposta polo audiovisual galego

23/09/2024

A Xunta apoia o Ourense Film Festival nunha 29ª edición que reforza a aposta polo audiovisual galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa Fundación Carlos Velo na organización do que é o certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade

Proxectaranse 60 películas, das que 10 compiten na sección oficial ‘Panorama Galicia’ co documental como formato predominante

Ourense, 23 de setembro de 2024

O Ourense Film Festival anunciou hoxe a programación completa da súa 29ª edición, que se desenvolverá do 27 de setembro ao 6 de outubro en diferentes escenarios da cidade para ofrecer a proxección de 60 películas e numerosas actividades paralelas. Un ano máis, a Xunta apoia economicamente a súa organización a través do convenio asinado coa Fundación Carlos Velo para o mantemento do que é o certame internacional de cine de carácter competitivo máis lonxevo da nosa Comunidade e que este ano reforza, ademais, a súa aposta pola creación e a industria audiovisual galega.

Así o subliñou esta mañá o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen interveu na presentación do OUFF xunto ao presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor; a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte; o director do festival, Miguel Anxo Fernández, e os representantes do resto de entidades colaboradoras.

Sutil felicitou á organización polo programa deste ano e fixo especial referencia ás seccións dedicadas á cinematografía galega como Panorama Galicia, con 10 títulos en competición entre os que o documental é o formato predominante, e OUFF Lab, dedicada á presentación de sete novos proxectos do noso audiovisual.

Rodaxes e preparación de novos proxectos

Para o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a selección deste ano dá conta da vitalidade do sector en Galicia, que nestes últimos meses acolle a rodaxe de seis películas e series cofinanciadas pola Xunta, ao tempo que se preparan 21 novos títulos subvencionados con 3M€ a través da convocatoria anual para a produción e/ou coprodución de proxectos de cine e televisión. “Trátase da liña de axudas con maior dotación das nove que destinamos en 2024 ao audiovisual galego e que suman un investimento de preto de 6,7M€ nas distintas fases que van desde o inicio do proceso creativo á chegada ás pantallas, pasando pola rodaxe, difusión ou comercialización”, sinalou.

Fixo tamén referencia ao papel que xogan os festivais como primeiro escaparate para o encontro da produción galega co público. De aí que, ademais do OUFF, outras 10 mostras audiovisuais conten con achega económica da Xunta a través da convocatoria de subvencións, dotada este ano con 300.000 euros, un 33% máis que en 2023.

Estrea na gala inaugural

O OUFF arrancará o vindeiro venres cunha gala inaugural na que se estrea Adolfo Domínguez: El eco de otras voces, documental sobre o deseñador galego dirixido pola súa filla Adriana Domínguez. Esta será unha das películas da sección Panorama Galicia, dentro da que tamén poderán verse Paisaje épico, de Valeria Roig; Salvaxe, Salvaxe, de Emilio Fonseca; Aurora, de Area Erina; Abrente, do ermo á rebeldía, de Xan Leira; Mes amis espagnols, de Adien Bordone; Buscando a Santa Compaña, de Fernando Cortizo; Los ojos de Europa, de Juan Pinzás; Hybris, de David Rubira, e Vestida de branco, de Juan Carlos Blanco.

A programación de filmes a concurso, dentro da que se inclúe tamén a Sección Oficial Internacional, complétase con especiais como Ciclo Inédito: Mulleres, Cinema e auga e Ouffemérides, que este ano lle rende homenaxe ao director Carlos Velo coa estrea dunha versión restaurada de Raíces, de 1954, e a lembranza da rodaxe en Ourense de Monsingnor Quixote en 1987.

Ademais, esta 29ª edición, recoñece con diferentes premios honoríficos a traxectoria de profesionais como o guionista e produtor Alejandro Hernández, Calpurnia de Honra Internacional; o director Rodrigo Cortés, Calpurnia de Honra; a deseñadora de vestiario e directora Clara Bilbao, Premio Especial OUFF; a produtora Andrea Vázquez, Premio Chano Piñeiro; o guionista Carlos Montero, Premio Especial Ourense, e a actriz Aurora Maestre, Premio Fundación AISGE.

Entre as actividades paralelas, destacan así mesmo diferentes encontros profesionais, roteiros pola provincia para coñecer lugares onde se rodaron coñecidos filmes, encontros literarios, os certames Fas Muvis, Fas Curtas e Game Awards, e o concerto da Xove Orquestra Ourensanía, que interpretará temas da banda sonora de Star Wars.

Comparte