Nova: A Libraría Institucional de Galicia ofrécelle á cidadanía todo o fondo editorial da Xunta

27/04/2015

A Libraría Institucional de Galicia ofrécelle á cidadanía todo o fondo editorial da Xunta

Trátase dunha plataforma electrónica na que estarán dispoñibles todas as publicacións da Administración autonómica en todos os formatos

Dunha maneira áxil, sinxela e directa, calquera poderá consultar os contidos e servizos a través do enderezo https://libraria.xunta.gal

Nesta plataforma virtual tamén se centraliza a comercialización e distribución dos fondos

  • Vídeo do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, na rolda de prensa
  • O conselleiro de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e maila directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, presentaron a Libraría Institucional de Galicia O conselleiro de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e maila directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, presentaron a Libraría Institucional de Galicia

Santiago, 27 de abril de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e maila directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, presentaron a Libraría Institucional de Galicia, unha plataforma virtual na que por primeira vez a Administración autonómica concentra todo o seu fondo editorial e pono á disposición do conxunto da cidadanía e das librarías.

O conselleiro Román Rodríguez subliñou precisamente a vocación de “servizo público” coa que se pon en marcha este proxecto pioneiro na nosa comunidade, xa que “supón avanzar na estratexia do goberno galego de achegar os servizos públicos á cidadanía e facilitar o seu uso”.

Así mesmo Román Rodríguez agradeceu o traballo de todas as consellerías e departamentos implicados no proxecto, que agora fan posible que a Libraría sexa unha realidade e un expoñente “de colaboración institucional”. Cultura e Educación é a encargada da xestión da Biblioteca mentres que a Amtega puxo en marcha a plataforma dixital e o Cixtec (dependente de Facenda) pon a disposición a súa plataforma de pagamento en liña.

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou que libraria.xunta.gal é a primeira canle de comercio online da Administración autonómica e que é unha das pezas da estratexia global da Xunta para a dixitalización, catalogación, promoción e difusión do contido e patrimonio cultural galego.

Neste sentido, Pereira lembrou outras medidas neste ámbito como a entrada en funcionamento o pasado ano da plataforma de lectura electrónica Galiciale, con máis de 1.700 títulos dispoñibles, ou a publicación dos novos portais de Cultura de Museos de Galicia. A responsable da política tecnolóxica da Xunta puxo de relieve que a libraría leva o “apelido galego .gal”, o dominio que identifica os contidos galegos na rede e en cuxa consecución a Xunta se implicou institucional e orzamentariamente.

A directora da Amtega avanzou que, entre os obxectivos desta estratexia de difusión do patrimonio cultural, está o de que Galicia conte cun único sistema de xestión para todas as bibliotecas da Comunidade e un catálogo único que nos permita acceder online a todos os fondos bibliográficos da nosa rede de bibliotecas.

Acceso ás publicacións
A Libraría Institucional funciona a través dunha plataforma electrónica a través da cal, todos os cidadáns e librarías -independentemente de onde se atopen- teñen acceso aos seus contidos e servizos. É dicir, calquera que o desexe poderá acceder ás publicacións da Xunta e dos seus organismos dependentes a través do enderezo electrónico https://libraria.xunta.gal.

Así mesmo, a través desta plataforma centralízase a distribución e comercialización do seu fondo editorial tanto en formato físico coma electrónico, tanto venal coma non venal. Por tanto, será de xestión directa do persoal da administración e non a través de distribuidoras externas. Esta tamén será a nova canle para que as librarías e outros puntos de venda adquiran as publicacións da Xunta de Galicia.

Ás publicacións gratuítas tan só se aplicarán gastos de transporte en caso de que se solicite o seu envío físico, e as publicacións venais (de pago) manterán o seu PVP.

As persoas interesadas nunha publicación venal (libro, folleto, revista,…) poderán realizar o pagamento a través do propio web ou a través do sistema de pagamento mediante transferencia bancaria. En canto a plataforma lle confirme a corrección do pagamento ao usuario/a, este poderá descargar a publicación ou seralle remitida ao seu domicilio. O prezo final dunha publicación está constituído polo prezo da publicación (só no caso de que sexa venal), e os gastos de distribución e transporte (se está en formato físico).

Segundo explicou o secretario xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, esta plataforma tamén será a nova canle para que as librarías e outros puntos de venda adquiran as publicacións da Xunta de Galicia. Así mesmo, salientou que o deseño da páxina da Libraría está adaptada para o seu uso nos dispositivos móbiles e tabletas.

A día de hoxe, no catálogo xa están cargadas preto de 750 publicacións posteriores ao ano 2010 e ata actualidade. Porén, está previsto ir incorporando á plataforma todas as publicacións anteriores a 2010 das que existan exemplares para a súa distribución.

A Libraría Institucional de Galicia da resposta ao recollido na Lei 17/2006, do libro e da lectura de Galicia, en cuxo articulado se establece a creación dunha libraría institucional da Xunta na que se ofrezan todas as publicacións oficiais de calquera departamento ou organismo autónomo.

Comparte