Nova: López Campos chama ao consenso para tramitar a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

24/09/2024

López Campos chama ao consenso para tramitar a Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude apela á unión do Parlamento galego para conseguir sacar adiante “unha lei pioneira en Europa” 

Destaca que a posta en marcha desta iniciativa vai garantir “o acceso universal á unha cultura rica, plural e diversa”

O texto, cuxa aprobación está prevista para este ano, afonda na eliminación de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais

Santiago de Compostela, 24 de setembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou hoxe ao “consenso entre os distintos grupos parlamentarios para conseguir o que será todo un fito para Galicia”, en referencia á posta en marcha “dunha lei pioneira en Europa” que regula por primeira vez a cultura desde a perspectiva da inclusión. Así o explicou no Parlamento, onde se celebrou o debate das emendas á futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, cuxa aprobación está prevista para este ano.

Na súa exposición, o representante da Xunta fixo un chamamento á unión “para acadar o acceso universal á unha cultura rica, plural e diversa, cun sector que goza dun gran momento”. Neste senso, López Campos, puntualizou que se trata de desfacer “todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais”. Así, incidiu na dobre vertente da norma, que debe “conciliar a cultura coa realidade” como garante, por unha banda, do acceso á oferta a todas as persoas sexa cal sexa a súa situación, e por outra “impulsando aos creadores, apoiando o talento e dándolle visibilidade  a todas as persoas, especialmente a aquelas que poidan ter menos oportunidades por diversas circunstancias”.

Tal e como salientou o titular de Cultura do Goberno galego, o texto está dialogado co sector. Deste xeito, cómpre lembrar que este proxecto de lei é o resultado dun proceso previo de reflexión no que tiveron lugar sete mesas de traballo coa colaboración de máis de 50 entidades que versaron sobre a infancia, a igualdade, a xuventude, as persoas maiores, as institucións e as industrias culturais. Ademais destas xuntanzas, a norma recibiu 11 achegas de distintas entidades unha vez exposta a consulta pública. A estas aportacións sumáronse os informes perceptivos de distintos departamentos da Xunta.

Propostas inclusivas xa en marcha

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva xa tempo traballando nesta senda con varias medidas que xa están en marcha, poñendo de relevo o seu firme compromiso por ofrecer un modelo cultural adaptado a todo tipo de públicos e que chegue a toda Galicia. É o caso do  CulturON, a campaña de verán que vén de finalizar e que aglutinou un programa de actividades en máis de 200 concellos,  con especial sensibilidade no rural, e cunha oferta diversificada, ou da Rede Adival, que a Xunta porá en marcha este mesmo ano para dinamizar a cultura no rural galego.

Outra acción que xa responde ás premisas desta lei é A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles que funciona nos concellos do rural de Ourense e Lugo desde hai máis dun ano,  levando a lectura e outras propostas de dinamización cultural a lugares con limitacións xeográficas e que en breve sumará unha nova ruta, a terceira. Asemade, é de destacar o programa Cultura no Camiño, que enche as zonas rurais dunha oferta cultural diversa e de calidade.

Ademais, entre as iniciativas en marcha atópase o sistema pioneiro de teatro inclusivo do Centro Dramático Galego no Salón Teatro, unha proposta que posibilita funcións con subtítulos ou audiodescricións ou sesións con condicións especiais para persoas sensibles á luz, o ruído ou a escuridade ou o proxecto piloto da Cidade da Cultura no que persoas con dificultades auditivas poden mellorar a súa experiencia nos concertos grazas a unhas mochilas vibratorias.

As bases do proxecto de lei

A proposta aprobada polo Consello da Xunta abrangue dúas perspectivas referidas á participación na vida cultural nun sentido amplo. Por un lado refírese ao acceso á cultura, e por outro enfócase na vertente creativa e xeradora de proxectos.

Desta maneira, incide en facilitar os servizos e produtos a todo tipo de persoas, sexan cales sexan as súas condicións, con especial atención ás que se atopan en risco de exclusión social, actuando aquí factores como as limitacións por zona de residencia, atoparse cun déficit grave de recursos económicos, contar cunha discapacidade ou estar en situación de dependencia, ser unha persoa desempregada, ser vítima de violencia de xénero, estar en proceso de rehabilitación social ou pertencer a unha minoría étnica.

No tocante á creación céntrase en dar visibilidade ao talento artístico daquelas persoas creadoras que teñen máis dificultades para participar no circuíto cultural. Neste senso, contémplase a creación de liñas de estímulo que reparen na perspectiva de xénero, na diversidade social e na realidade xeográfica de Galicia.

Ao abeiro da lei contémplase a creación  dun Plan de accesibilidade e de inclusión cultural no que participen as entidades representativas dos colectivos especialmente previstos na normativa. Tamén se promove a posta en marcha dun observatorio que funcionará como un órgano colexiado, de asesoramento e participación institucional.

Comparte