Nova: Guadi Galego, Pepe Solla e Carlos Blanco participan no ciclo Enocións do Gaiás

27/04/2015

Guadi Galego, Pepe Solla e Carlos Blanco participan no ciclo Enocións do Gaiás

A actividade, patrocinada pola D.O. do Ribeiro e vinculada á exposición ‘Camiño: a orixe’, conxuga as emocións do Camiño de Santiago co mundo da arte e a cultura do viño

A primeira xornada terá lugar o xoves 7 de maio e contará coa actuación de Guadi Galego, as fotografías de Xurxo Lobato, unha cata de viños e unha visita guiada á exposición

As entradas están a venda en online en www.ataquilla.com e fisicamente na tenda A Reixa en Santiago

  • Enocións convida a explorar as emocións do Camiño, o mundo da arte e a cultura do viño Enocións convida a explorar as emocións do Camiño, o mundo da arte e a cultura do viño

Santiago, 27 de marzo de 2015.- O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá en maio, xuño e setembro ‘Enocións by Ribeiro’, ciclo patrocinado pola D.O. do Ribeiro que explora a relación entre as emocións do Camiño, o mundo da arte e a cultura do viño. O ciclo, polo que pasarán persoeiros como Guadi Galego, Pepe Solla ou Carlos Blanco, celébrase con motivo da exposición ‘Camiño. A orixe’, aberta ao público neste centro museístico ata o 13 de setembro. Con esta actividade, a D.O do Ribeiro mistura ‘enoloxía’ e ‘emocións’ obtendo o novo concepto de ‘enocións’, co que subliñar a súa relación histórica co Camiño.

A primeira xornada terá lugar o xoves 7 de maio ás 19 horas e contará co actuación de Guadi Galego e cun pase de fotografías de Xurxo Lobato. Os participantes gozarán dunha visita guiada á exposición e dunha cata de viños do Ribeiro. As entradas están a venda en online en www.ataquilla.com e fisicamente na tenda A Reixa en Santiago.

Pepe Solla, un dos cociñeiros galegos máis recoñecidos, será o protagonista da segunda sesión, prevista para o xoves 11 de xuño. A súa presentación irá acompañada de música electrónica da man de Dj Analïs, na que a selección de ritmos buscará unha conexión cos viños.

Será o humorista Carlos Blanco o encargado de pechar ‘Enocións by Ribeiro’ o xoves 10 de setembro cunha sesión onde o humor, a alegría e o optimismo serán as emocións protagonistas. Todas as sesións contarán con visitas guiadas á exposición e cunha cata de viños, neste caso maridada coa retranca do brillante cómico de Arousa.

A D.O. Ribeiro é unha das institucións colaboradoras da exposición ‘Camiño: a orixe’, unha mostra na que o Museo Centro Gaiás recupera a través dunha selecta escolma de obras de arte a historia de cómo empezou o que hoxe é un fenómeno universal: o Camiño.

Comparte