Nova: Belén do Campo dá o pistoletazo de saída á terceira edición do Festival Galicia Ilusiona o 3 e 4 de outubro no Teatro Colón
25/09/2024
Belén do Campo dá o pistoletazo de saída á terceira edición do Festival Galicia Ilusiona o 3 e 4 de outubro no Teatro Colón
A delegada da Xunta destacou que estamos un festival de ilusionismo que se converteu nun referente dentro do mundo da maxia a nivel nacional e internacional
A representante do Goberno autonómico destacou que este evento encherá a oferta turística urbana do outono con 20 sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia, das cales dúas terán lugar na cidade da Coruña
A Coruña, 25 de setembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, recibiu aos organizadores do festival “Galicia Ilusiona”, Dani Polo e Pedro Bugarín, que traerán aos mellores magos do mundo á cidade da Coruña. Concretamente, o 3 e 4 de outubro, dúas sesións cada día, chegará ao Teatro Colón unha selección dos novos mellores números do ilusionismo mundial, unha oportunidade única de ver sobre o mesmo escenario aos máis premiados magos e magas do planeta. Así o anunciou a delegada da Xunta, na presentación desta iniciativa que, como dixo “encherá a oferta turística urbana do outono con 20 sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia, das cales dúas terán lugar na cidade da Coruña”, indicou.
A delegada da Xunta destacou que estamos ante un proxecto que xa afronta a súa terceira edición, un festival de ilusionismo que se converteu nun referente dentro do mundo da maxia a nivel nacional e internacional. Belén do Campo salientou que o éxito alcanzado nas dúas edicións previas con 70.000 espectadores “afianzan un evento que cada ano se consolida na axenda de Galicia como un foco de atracción de visitantes e afeccionados á maxia”. Neste punto, fixo referencia aos 30 países de procedencia do público que acodeu nos últimos anos.
Os organizadores agradeceron o apoio que recibiron por parte da Xunta de Galicia para facer realidade este proxecto e subliñou que “Galicia Ilusiona” é referente a nivel internacional e consolida a Galicia como epicentro do ilusionismo.
Belén do Campo animou a todos os galegos a asistir a este gran evento porque “teremos a oportunidade de poder ver nos principais teatros das cidades galegas a mellor calidade posible e os números máis premiados e recoñecidos por ilusionistas de todo o mundo”.
Para consultar toda a información e compra de entradas en: www.galiciailusiona.es