Nova: O CGAI pecha a súa carteleira de abril cos Premis Gaudí do cinema catalán
28/04/2015
O CGAI pecha a súa carteleira de abril cos Premis Gaudí do cinema catalán
A Academia Galega do Audiovisual e a Acadèmia del Cinema Català organizan este ciclo que proxecta as longas ‘El niño’, ‘Gabor’ e ‘Descalç sobre la terra vermella’ e a curtametraxe ‘El corredor’
O programa de colaboración inclúe a próxima exhibición en Cataluña dunha selección das producións galegas galardoadas este ano cos Premios Mestre Mateo
A Coruña, 28 de abril de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve colaborar coa Academia Galega do Audiovisual e a Acadèmia del Cinema Català no programa de exhibición en Galicia dunha selección das producións catalás galardoadas nos VII Premis Gaudí. Como en anos anteriores, esta iniciativa impulsada por ambas as academias inclúe tamén a organización en Cataluña dun ciclo sobre os traballos premiados na última edición dos Mestre Mateo do audiovisual galego.
Para o especial dedicado aos galardóns cataláns, co que o CGAI pecha a carteleira de abril na súa sede da Coruña, foron seleccionadas un total de catro fitas, que poderán verse desde hoxe martes 28 e ata o xoves 30 en tres sesións de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Calendario de proxeccións
O ciclo arranca hoxe, ás 20.30 horas, con ‘El niño’, o último filme do director Daniel Monzón. Esta produción, que contou tamén con participación galega a través de Vaca Films, foi unha das grandes triunfadoras da sétima edición dos Gaudí, entregados o pasado 1 de febreiro en Barcelona. En total, obtivo sete recoñecementos: ás mellores actuacións secundarias para Bárbara Lennie e Eduard Fernández, mellor dirección de produción, mellor montaxe, mellor música orixinal, mellor fotografía e mellor son.
A sesión do mércores 29, programada para a mesma hora, inclúe a exhibición de ‘El corredor’, filme do realizador José Luís Montesinos recoñecido como mellor curtametraxe catalá de 2014; e ‘Gabor’, de Sebastián Alfie, galardoada co Gaudí á mellor película documental.
Pechará este programa ‘Descalç sobre la terra vermella’, de Oriol Ferrer, que conseguiu o galardón catalán á mellor película para televisión. Neste caso, a proxección terá lugar o xoves 30 de abril, ás 18.00 horas. A programación completa pode consultarse no web www.cgai.org.