Nova: López Campos enxalza as novas iniciativas da Xunta de cara á unha cultura “descentralizada e inclusiva”

25/09/2024

López Campos enxalza as novas iniciativas da Xunta de cara á unha cultura “descentralizada e inclusiva”

O titular de Cultura do Goberno galego pon como exemplo a futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que erixe como “fito” e “pioneira en Europa”

Apunta tamén a rede Adival, que se porá en marcha este mesmo ano e que beneficiará dous millóns de galegos e galegas

Salienta o “gran momento” que está a gozar na actualidade o sector cultural galego

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe as novas iniciativas da Xunta de Galicia de cara á plena consecución dunha cultura “descentralizada, inclusiva e de acceso universal”. Fíxoo durante a súa intervención en Santiago de Compostela no X Encontro Cultura e Cidadanía, ao que asistiu o ministro de Cultura, Enerst Urtasun, e no que están a participar un 600 profesionais da cultura.

López Campos destacou que a “descentralización da cultura” é un dos “principais obxectivos” do Goberno galego, “e así o estamos a reflectir á hora de presentar novas iniciativas no eido cultura”. En concreto, apuntou o proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que onte mesmo chegou ao Parlamento para o debate de enmendas e cuxa aprobación está prevista para este ano.

O titular do departamento de Cultura da Xunta asegurou que esta normativa será “un fito para Galicia” e erixiuna como unha “lei pioneira en Europa” xa que, segundo explicou, regula por vez primeira a cultura desde a perspectiva da inclusión. Neste senso, referiuse ao feito de que esta norma “afonda na eliminación de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais e territoriais”.

Nesta mesma liña, López Campos inscribiu a futura rede Adival para a dinamización cultural no rural e que, segundo precisou, estará en marcha este mesmo ano e que beneficiará a dous millóns de galegos “o 70 % da poboación da Comunidade”, resaltou.

No entanto, o conselleiro subliñou que o Goberno galego xa leva tempo traballando nesta senda con medidas como o CulturON, que durante este verán levou unha ampla e variada programación cultural por máis de 200 concellos cunha media de 30 espectáculos por día. De igual xeito, inscribiu nesta mesma liña A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles que está funcionando en concellos do rural de Ourense e Lugo desde hai máis dun ano e que, en breve, sumará unha terceira ruta. A maiores, tamén sumou o programa Cultura no Camiño, do que puxo en valor a súa “oferta cultural diversa e de calidade” que se desenvolve por diferentes zonas do rural da Comunidade.

Finalmente, o conselleiro de Cultura salientou o “gran momento” que está a gozar o sector cultural galego, do que lembrou que conta con máis de 5.000 entidades en Galicia que representan o 3 % del Produto Interior Bruto galego e xera máis 36.600 empregos, superando as 2.100 empresas.

X Encontro Cultura e Cidadanía

O X Encontro Cultura e Cidadanía estase a celebrar desde o pasado martes no Centro Galego de Arte Contemporánea e no Museo do Pobo Galego. Durante tres xornadas está a ofrecer un programa de actividades diverso con conversas, mesas redondas, presentacións de proxectos e debates ao redor das políticas culturais, o financiamento, paradigmas sociopolíticos, dereitos culturais e participación cidadá.

A cita tamén está a contar con outras iniciativas paralelas que van desde recitais, interpretacións artísticas, proxeccións ou seminarios e obradoiros.

Comparte