Nova: Lopez Campos incide no papel central do audiovisual como motor da industria cultural galega

27/09/2024

Lopez Campos incide no papel central do audiovisual como motor da industria cultural galega

Felicita os profesionais do sector pola súa capacidade empresarial, artística e técnica, con máis de 20 novos proxectos de cinema e televisión en preparación e rodaxes simultáneas en diferentes localizacións da Comunidade

O OUFF conta co apoio da Xunta para a súa 29ª edición, na que o cinema galego protagoniza varias seccións específicas como Panorama Galicia ou OUFF Lab

Ourense, 27 de setembro de 2024

Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiron á cerimonia inaugural da 29ª edición do Ourense Film Festival (OUFF)m A película elixida para abrir o certame foi Adolfo Domínguez: El eco de otras voces, documental sobre o deseñador galego dirixido pola súa filla Adriana Domínguez, que compite con outras nove producións con participación galega dentro da sección a concurso Panorama Galicia.

Para López Campos, tanto os filmes deste apartado como os proxectos seleccionados no OUFF Lab dan conta da capacidade empresarial, artística e técnica do noso audiovisual, do que subliñou o seu “papel central como motor da industria cultural galega”.

Para o responsable de Cultura da Xunta de Galicia, o bo momento do sector reflíctese, por exemplo, na vintena de novos títulos de cinema e televisión que preparan xa as compañías galegas adxudicatarias da convocatoria de 2024 de subvencións á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, dotada con 3.000.000 de euros. Fixo referencia tamén á calidade dos profesionais do noso audiovisual, capaz de asumir simultaneamente varias rodaxes de envergadura, como as seis desenvolvidas entre os meses agosto e setembro, tamén con financiamento do Goberno galego.

O Ourense Film Festival volve contar este ano co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para ofrecer 60 proxeccións e numerosas actividades paralelas en diferentes espazos da cidade ata o vindeiro 6 de outubro. Xunto con Panorama Galicia, a programación de filmes a concurso inclúe tamén as fitas da Sección Oficial Internacional.

Homenaxes a Carlos Velo e Fernando Rey

Esta 29ª edición ofrece, así mesmo, os especiais Ciclo Inédito: Mulleres, Cinema e auga e Ouffemérides, que este ano lles rende cadansúa homenaxe ao director Carlos Velo, coa estrea dunha versión restaurada de Raíces (1954) e a lembranza da rodaxe en Ourense de Monsingnor Quixote en 1987, e ao actor Fernando Rey nun acto que contará coa participación dos directores Manuel Gutiérrez Aragón e Jaime Chávarri.

Ademais, o OUFF 2024 recoñece con diferentes premios honoríficos a traxectoria de profesionais como o guionista e produtor Alejandro Hernández, Calpurnia de Honra Internacional; o director Rodrigo Cortés, Calpurnia de Honra; a deseñadora de vestiario e directora Clara Bilbao, Premio Especial OUFF; a produtora Andrea Vázquez, Premio Chano Piñeiro; o guionista Carlos Montero, Premio Especial Ourense, e a actiz Aurora Maestre, Premio Fundación AISGE.

Entre as actividades paralelas, destacan tamén diferentes encontros profesionais, roteiros pola provincia para coñecer lugares onde se rodaron coñecidos filmes, encontros literarios, os certames Fas Muvis, Fas Curtas e Game Awards, e o concerto da Xove Orquestra Ourensanía, que interpretará temas da banda sonora de Star Wars.

Comparte