Nova: A Xunta promove a creación artística e a tradución a través das residencias literarias na illa de San Simón

30/09/2024

A Xunta promove a creación artística e a tradución a través das residencias literarias na illa de San Simón

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita aos participantes do obradoiro ‘Con barqueira e remador’ coincidindo co Dia Internacional da Tradución

A iniciativa celébrase de xeito simultáneo cunha estadía para promover a creación entre autores e autoras

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe, coincidindo co Día Internacional da Tradución, as residencias que se están a desenvolver simultaneamente na illa de San Simón. Trátase de iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do seu compromiso coa promoción da creación artística a través de propostas que chamen aos escritores e escritoras a somerxerse nun entorno especial e potenciar así a súa creatividade.

Deste xeito, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, reuniuse cos seis profesionais que comezan hoxe o obradoiro de tradución poética Con barqueira e remador, onde o Goberno galego e a poeta Yolanda Castaño colaboran na celebración deste taller. Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, esta é unha actividade que busca “estimular e promocionar a creación poética en diversas linguas potenciando o intercambio cultural entre os participantes. Ademais, este tipo de propostas “fomentan a proxección internacional da poesía galega”.

A iniciativa, reúne durante unha semana a poetas e tradutores chegados de seis territorios lingüísticos que estarán traballando co romanés, catalán, serbio, español de Colombia, maltés e galego. Deste xeito, os autores Radu Vancu, de Romanía; Petar Matovic, de Serbia; Nadia Mifsud, de Malta; Andrea Cote, de Colombia; Martí Sales, de Cataluña, e Jesús Castro Yáñez, de Galicia, convivirán na illa ata o 5 de outubro permitindo que “aprendan da nosa cultura e lingua galegas”.

No marco destas actividades, Anxo M. Lorenzo tamén anunciou que haberá tres recitais, abertos ao público, o vindeiro mércores día 2 e o xoves 3, na libraría Metáfora de Pontevedra e no local vigués da Asociación Évame-Oroza, respectivamente. Finalmente, o venres o Teatro Principal de Pontevedra acollerá a diversos clubes de lectura de centros de secundaria para amosar estas creacións literarias.

II Residencia Literaria de San Simón

Coincidindo con esta estadía, o director xeral de Cultura tamén recibiu os cinco profesionais que participan na nova quenda da II Residencia Literaria Illa de San Simón, onde apuntou que a boa acollida desta proposta fixo que nesta última convocatoria se duplicasen as prazas, “ofrecendo a cada vez máis persoas a posibilidade de vivir unha experiencia única mentres traballan nos seus proxectos”.

Comparte