Nova: Valentín García acompaña a Daniel Chapela na presentación da obra ‘Biscoito de Laranxa’
02/10/2024
Valentín García acompaña a Daniel Chapela na presentación da obra ‘Biscoito de Laranxa’
A peza foi galardoada co segundo premio do Certame Xuventude Crea 2022 na categoría de poesía
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou hoxe a Daniel Chapela na presentación da obra Biscoito de laranxa (Editorial Galaxia, 2024), peza galardoada co segundo premio na categoría de poesía na edición 2022 do certame Xuventude Crea, que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O responsable da Lingua felicitou ao autor e resaltou “o bo momento que vive a poesía escrita en galego” incidindo na “oportunidade que lle brindan á lingua galega os certames literarios dirixidos autores e autoras noveis que apostan polo idioma propio como ferramenta da súa creatividade”. Canda ao representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e mais o autor, participaron no acto o historiador Miguel García Fernández e mais a escritora Anna Figueiredo.
Achegamento aos procesos de perda desde a poesía
Biscoito de laranxa pretende mergullar o lector no proceso de perda dun ser querido e nas tensións que se xeran dentro do núcleo familiar. Trátase dunha obra sobre a conexión coa terra, aferrando a memoria á carne para sentir as costuras das relacións e o seu abafo existencial. A través dela, o autor, cunha obra epitáfica, indaga no amor e nas mostras da ausencia, creando un canto cara ás mulleres que, amándonos, nos ensinaron a amar.
Daniel Chapela
Daniel Chapela (Bueu, 1999) é dinamizador cultural e filólogo galego, centrado na investigación da documentación medieval e no desenvolvemento de proxectos de difusión da cultura e lingua galegas. No ano 2022 fíxose co 2º premio Xuventude Crea, na categoría de poesía, con Biscoito de laranxa, obra que, ampliada, constitúe a súa opera prima.