Nova: A Xunta colabora nas homenaxes a Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal ata finais de mes

03/10/2024

A Xunta colabora nas homenaxes a Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal ata finais de mes

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación das XXVI Xornadas dedicadas ao escritor que se celebran desde o domingo ata o día 30

Pon en valor as actividades, onde predominan as sesións teatrais, por manter vivo o legado do autor “referente e fonte de inspiración para os dramaturgos do mundo”

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 3 de outubro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das XXVI Xornadas de homenaxe ao autor Ramón María del Valle-Inclán que se celebran na Pobra do Caramiñal desde este domingo ata finais de mes. Trátase dunha ampla programación, impulsada co apoio da Xunta de Galicia, que inclúe a celebración dunha quincena de actividades diversas arredor da figura deste ilustre.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso do Goberno galego con estas xornadas “xa consolidadas no panorama cultural tras máis de 25 anos celebrándose ininterrompidamente”. Deste xeito, puxo en valor o traballo do museo Valle-Inclán, na organización desta cita e na dedicación por manter vivo o legado “dunha das figuras máis destacadas da cultura galega, que sigue sendo a día de hoxe, un gran referente e fonte de inspiración para os dramaturgos do mundo”.

No marco desa presentación, o director xeral de Cultura destacou a calidade das iniciativas que terán lugar ata finais deste mes coincidindo coa conmemoración do nacemento do ilustre escritor onde predominarán as sesións teatrais. Ademais salientou a imaxe do cartel deste ano do ilustrador Siro López, “onde se representa a esencia do recoñecido escritor”.

Neste senso, salientou a importancia destas 15 actividades por lembrar, homenaxear e poñer en valor a traxectoria de Valle-Inclán a través de propostas como conferencias de divulgación científica, presentacións de libros, espectáculos de narración oral, obras teatrais, actividades plásticas, exposicións ou sesións de monicreques.

Comparte