Nova: A Xunta apoia a recuperación dos bens culturais da Ribeira Sacra de cara a potenciar a súa candidatura a patrimonio mundial pola Unesco

03/10/2024

A Xunta apoia a recuperación dos bens culturais da Ribeira Sacra de cara a potenciar a súa candidatura a patrimonio mundial pola Unesco

O Goberno galego ten investido preto de 8 M€ na posta en valor de máis de 40 inmobles patrimoniais deste territorio nas provincias de Ourense e Lugo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará a finais de outubro neste enclave un foro internacional para impulsar a consecución deste recoñecemento

Nogueira de Ramuín (Ourense), 3 de outubro de 2024

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, referendou hoxe o compromiso do Goberno galego na recuperación do valioso patrimonio cultural que atesoura a Ribeira Sacra de cara a potenciar a súa candidatura a Patrimonio Mundial para Unesco. Unha aposta na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten investido preto de 8 M€ dirixidos á conservación e posta en valor de máis de 40 bens deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acudiu hoxe á presentación da mecanización dos relicarios da igrexa do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. Neste senso, subliñou o “importante investimento próximo aos 300.000 euros” que nos últimos anos ten realizado o departamento de Patrimonio Cultural da Xunta para a restauración e conservación deste Ben de Interese Cultural. En concreto, para obras na sancristía e o coro da igrexa, que foron cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Martínez lembrou que a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos exemplos de arquitectura románica máis relevantes da Ribeira Sacra, cuxa candidatura a Patrimonio Mundial pola Unesco partiu do Goberno galego en 2017, “co firme convencemento de que reúne todos os requisitos e valores para conseguir este recoñecemento en 2026”, aseverou.

“Este compromiso mantense vixente na actualidade”, remarcou a directora xeral de Patrimonio. De feito, salientou que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego “elevouse nos orzamentos deste ano un 7 % alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra”.

Congreso internacional en Nogueira de Ramuín

Ademais, a responsable de Patrimonio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apuntou a outras iniciativas que desde este departamento se están a pór en marcha para “outorgarlle a esta candidatura o pulo que merece”. Así, referiuse ao congreso internacional que se celebrará a finais deste mes, no mesmo concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

Baixo o nome de Fontes, este foro celebrarase os días 27, 28 e 29 de outubro no parador de Santo Estevo, o mesmo escenario no que o pasado ano se organizou un primeiro encontro internacional con expertos sobre paisaxes culturais da auga coa fin tamén, segundo adiantou, “de darlle o respaldo e un importante impulso a esta candidatura”.

Asistencia do embaixador de España ante a Unesco

Precisamente, a directora xeral de Patrimonio Cultural salientou o feito de que o embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, amosoulle persoalmente ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a súa intención de asistir a este congreso, cando recentemente lle entregou en París o primeiro avance do expediente da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga.

O encontro internacional contará con especialistas culturais e investigadores en bens patrimoniais. Sumaranse tamén representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do eido local como de outras comunidades autónomas. Martínez celebrou a “alta e ampla implicación” de sectores vencellados co patrimonio, coa cultura e co turismo, ao tempo que agradecemos o interese de todos eles “en traballar a prol de revitalizar a candidatura” co obxecto de acadar no Consello do Patrimonio Histórico, que se celebrará en 2026, “este merecido recoñecemento para a Ribeira Sacra”.

Finalmente, explicou que a finalidade deste congreso internacional é afondar, establecer sinerxías e debater sobre a xestión e retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial co propósito de promover estratexias de colaboración entre diferentes actores relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra.

Comparte