Nova: Últimos días para inscribirse na edición máis ambiciosa do Xuventude Crea
03/10/2024
Últimos días para inscribirse na edición máis ambiciosa do Xuventude Crea
O prazo de inscrición está aberto ata o día 10 deste mes a través da sede electrónica da Administración Autonómica
A iniciativa busca fomentar o desenvolvemento artístico e poñer en valor o talento dos mozos galegos de entre 16 e 30 anos
Este ano tamén poderán participar as persoas galegas residentes no estranxeiro, que viaxarán a Galicia no caso de chegar á final a través da Estratexia Galicia Retorna
Pontevedra, 3 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentou esta mañá, xunto á directora Xeral de Xuventude, Lara Meneses, o programa Xuventude Crea.
A iniciativa, que pecha o seu período de inscricións o día 10 deste mes, é unha oportunidade para que os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos poidan mostrar o seu talento artístico. Así, Xuventude Crea funciona como un canal de difusión e recoñecemento co que a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca poñer en valor o talento galego, á vez que estimula e apoia a imaxinación, a creatividade e a innovación.
Neste sentido, o delegado territorial sinalou a importancia de “fomentar a expresión artística dos mozos e mozas galegos” e lembrou que “Galicia é historicamente unha terra de artistas, algo que nos últimos anos se ten vindo a acentuar grazas a iniciativas como Xuventude Crea e a que moitos inversores privados ven na nosa terra un lugar ideal para desenvolver os seus festivais e eventos culturais”.
Pola súa banda, Meneses lembrou que, como novidade, este ano “a iniciativa está aberta ás persoas galegas residentes no exterior, que poderán viaxar a Galicia en caso de que cheguen á fase final grazas á Estratexia Galicia Retorna”.
As inscricións poden facerse a través da sede electrónica da Administración Autonómica.
Especialidades
O Xuventude Crea 2024 contará con 16 categorías, dúas máis que o ano pasado. Así incorpórase a modalidade de DJ e creación de contido, atendendo aos intereses actuais da xente moza. Ademais, dentro da especialidade de teatro créanse dúas seccións con cadanseus recoñecementos. O apartado Amador está aberto a grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros. Por outra banda, o apartado Pro está destinado a compañías de nova creación, profesionais emerxentes e grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Cómpre sinalar que neste último, ademais do premio económico, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.
O certame complétase coas disciplinas de artes plásticas, fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbana, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, poesía e danza.
Para dar a coñecer os traballos e os premiados organizaranse varias exposicións e eventos finais. Uns recoñecementos que se outorgarán oficialmente nunha gala prevista para mediados de decembro. Este ano, por cada categoría, ademais das vantaxes de promoción, os premios económicos serán de 2.000€ para o primeiro, 1.500 para o segundo e 1.000 para o terceiro.