Nova: López Campos destaca o compromiso do Goberno galego coas dotacións culturais no rural galego

04/10/2024

López Campos destaca o compromiso do Goberno galego coas dotacións culturais no rural galego

O Goberno galego achega 300.000€, a metade do total, a través dun convenio co Concello, á rehabilitación do edificio que albergará as novas instalacións

Resalta que “esta é unha mostra da nosa aposta por que a actividade cultural estea ao alcance de todos os galegos e galegas independentemente da zona onde vivan”

A actuación permitirá que Chantada conte cunha biblioteca máis ampla e accesible en liña co futuro plan de infraestruturas culturais no que traballa o Goberno galego

Chantada (Lugo), 4 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe as obras de rehabilitación que a Xunta de Galicia e o Concello de Chantada están a impulsar nun inmoble do casco urbano co obxectivo de trasladar alí a Biblioteca Municipal. Trátase dunha actuación executada ao 80%, cuxo remate está previsto para finais de ano, e que se leva a cabo a través dun convenio de colaboración entre as dúas administracións polo que o Goberno galego inviste neste ben 300.000€, o 51% do orzamento total.

Na súa visita, xunto co alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o responsable autonómico de Cultura afirmou que esta achega encádrase no “noso compromiso con facilitar que a actividade cultural estea ao alcance de todos os galegos e galegas, sexa cal sexa o seu lugar de residencia, en liña cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrará en vigor este mesmo ano”. Neste senso, destacou o “papel fundamental que teñen os equipamentos deste tipo no acceso ao coñecemento da cidadanía”.

Tal e como lembrou o titular de Cultura, “dotar a Galicia das mellores infraestruturas é esencial nese obxectivo de acadar unha programación e unha oferta de calidade”. Así, dixo, “mantemos o foco en todo o territorio, desde a posta en marcha de proxectos como o Teatro Fraga de Vigo, que beneficiará a toda a Comunidade, a outras iniciativas que contribúen a mellorar as opcións e oportunidades culturais da poboación que vive en núcleos máis pequenos”. Todo isto vai na liña, recordou López Campos, co futuro plan para modernizar as infraestruturas culturais de todo o territorio no que xa traballa o Goberno galego.

Na visita, o responsable autonómico de Cultura puido comprobar o aproveitamento que se está a facer dunha edificación tradicional para convertela nun espazo modelo en materia de accesibilidade e que cumprirá, subliñou, “coas necesidades dunha veciñanza que a bo seguro vai gozar das posibilidades culturais que se abren con esta nova sede da Biblioteca Municipal”.

Un novo espazo para a Biblioteca Municipal

O espazo que se converterá na nova Biblioteca Municipal de Chantada é froito da rehabilitación dun inmoble situado no trazado do Camiño de Inverno, na rúa Formoso Lemos, polo que, ademais de dar un servizo cultural á zona, tamén terá a posibilidade de ser un punto de visita importante para os peregrinos que percorren esta ruta ao seu paso polo municipio.

Con esta actuación, o obxectivo é trasladar os servizos da actual biblioteca, que co paso dos anos se amosou insuficiente para albergar o volume de libros actual, ademais de mellorar as súas condicións de accesibilidade.

O edificio, que recibiu unha partida de 300.000€ distribuídos en tres anualidades (2022, 2023 e 2024) por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, distribúese en dúas plantas, recuperando elementos primitivos e eliminando outros que foron engadidos ao longo do tempo á construción inicial. Desta maneira, o proxecto que se está a levar a cabo aposta por un deseño tradicional e integrado na contorna pero cunha funcionalidade propia do noso tempo, o que permitirá mellorar o desenvolvemento da actividade e optimizar os recursos da biblioteca en beneficio das persoas usuarias.

Comparte