Nova: López Campos destaca a importancia do sector audiovisual na inauguración da mostra ‘Novos Imaxinarios’

04/10/2024

López Campos destaca a importancia do sector audiovisual na inauguración da mostra ‘Novos Imaxinarios’

Salienta a achega de importantes proxectos do cinema contemporáneo a Galicia e o bo momento que vive a Comunidade como escenario de rodaxes

A mostra, dispoñible ata o 12 de xaneiro, está comisariada polo fotógrafo e artista Nicolás Combarro e o escritor e divulgador Miguel Ángel Delgado

A programación inclúe tamén un ciclo de conversas o sábado coa participación de profesionais como Isaki Lacuesta, Oliver Laxe ou Lois Patiño

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou a importancia do sector audiovisual para a cultura de Galicia. Fíxoo hoxe na inauguración de Novos Imaxinarios, a mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea na que se afonda na creación cinematográfica recente de España e Portugal con propostas de oito cineastas inéditas ou presentadas por primeira vez en Galicia.

Durante a apertura da exposición, o titular de Cultura, celebrou o bo momento que vive Galicia como escenario de rodaxes. “A nosa comunidade consolídase cada vez máis como destino de cine atraendo cada vez máis producións”, afirmou antes de engadir que proba deste bo momento é que actualmente están en marcha seis rodaxes en diferentes localizacións de Galicia.

Neste senso, o representante da Xunta, puxo en valor o gran talento que atesouran os profesionais do cine en Galicia ao tempo que celebrou a presenza, nesta cita de grandes cineastas do panorama nacional e internacional como son Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar, Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe O que arde e, Lois Patiño, gañador do premio Mestre Mateo polo documental Costa da Morte, entre outros. “É un orgullo para nós que o CGAC acolla nas súas salas un proxecto que afonda na creación dos filmes desde tantos puntos de vista”.

Novos imaxinarios encherá, ata o 12 de xaneiro, as salas do museo da capital galega cunha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla. Aborda o cinema de autor en fricción co museo e reúne a estes realizadores que pertencen, máis que a unha xeración, a unha sensibilidade desde a que desenvolveron tanto unha carreira propiamente fílmica, de salas e festivais, e tamén cunha predilección pola instalación cinematográfica na que se combinan ambas perspectivas.

Actividades paralelas

Para completar o programa da exposición, están previstas unha serie de actividades paralelas que se levarán a cabo no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporáneo. Deste xeito, o sábado, desde as 10,30 horas, os creadores e creadoras que toman parte nesta mostra conversarán sobre os seus proxectos moderados por Alberte Pagán, Pela del Álamo e os comisarios da proposta, Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado. Os artistas que intervirán nestas conversas son: Lois Patiño, Salomé Lamas, Oliver Laxe, Helena Girón, Samuel Delgado, Susana de Sousa e Isaki Lacuesta.

Como engadido, haberá un ciclo de cinema onde se proxectarán obras dos autores e autoras durante todos os mércores de outubro e novembro ás 18,30 horas. Finalmente, inclúense unhas xornadas de investigación sobre a imaxe que se levarán a cabo entre os días 28 e 30 de novembro, nas que terán lugar un conxunto de conferencias e mesas redondas nas que participarán investigadores e escritores do panorama cinematográfico contemporáneo.

Comparte