Nova: A Xunta pon en valor a paisaxe cultural da auga na Ribeira Sacra como un dos elementos claves da candidatura a patrimonio mundial pola Unesco

06/10/2024

A Xunta pon en valor a paisaxe cultural da auga na Ribeira Sacra como un dos elementos claves da candidatura a patrimonio mundial pola Unesco

A directora xeral de Patrimonio Cultural participa nas xornadas ‘Agua, arte y vida. Canal de Castilla’, no municipio valisoletano de Medina de Rioseco

A responsable de Patrimonio do Goberno galego enxalza os pasos que se están a dar para a súa consecución, como o foro internacional este mes en Nogueira de Ramuín

Medina de Rioseco (Valladolid), 5 de outubro de 2024.- A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, puxo en valor hoxe a paisaxe cultural que conforma a auga nos municipios que integran a Ribeira Sacra como un dos “elementos claves” da candidatura a patrimonio mundial pola Unesco, cuxo resultado será decidido en 2026. Así o explicou durante a súa participación nunha mesa redonda nas xornadas Auga, arte y vida, que se está a celebrar estes días no municipio valisoletano de Medina de Rioseco, en Castela e León.

Na súa intervención, a responsable de Patrimonio do Goberno galego precisou que a paisaxe cultural e patrimonial desta delimitación xeográfica galega, que abrangue municipios das provincias de Ourense e de Lugo, xa conta cunha alta protección, debido a que a Ribeira Sacra está recoñecida como Ben de Interese Cultural. En todo caso, valorou o “chanzo máis para a súa protección e posta en valor” a súa designación para ser a candidatura de España a Patrimonio Mundial da Unesco, de cara ao 2026, baixo o denominación de Ribeira sacra: Paisaxe da auga.

A este respecto, amosouse convencida da súa consecución e salientou todos os esforzos que desde o Goberno galego se están a realizar nesta dirección, acompañados do cumprimento dos correspondentes requisitos e trámites exixidos. Precisamente, lembrou que hai unhas semanas o propio conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentoulle en París un avance do primeiro expediente ao embaixador de España ante Unesco, Miquel Iceta.

Ademais, de cara á proxección e revitalización da candidatura apuntou á celebración os vindeiros días 27, 28 e 29 de outubro dun congreso internacional no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, Fontes, onde está prevista a participación de expertos, investigadores, estudosos e tamén profesionais de diferentes sectores vencellados ao eido cultural, económico e turístico deste tipo de patrimonios.

Comparte