Nova: A caixa de correos virtual do Teatro Fraga estará activa un mes máis para continuar a recibir propostas

06/10/2024

A caixa de correos virtual do Teatro Fraga estará activa un mes máis para continuar a recibir propostas

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra amplían a recollida de ideas para enriquecer o plan de usos deste edificio emblemático pola boa acollida e alto interese

Esta medida da campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’ activouse a finais de agosto e ten recollido máis de 200 proxectos de entidades culturais e particulares

A iniciativa estase a desenvolver en paralelo con xuntanzas con diferentes colectivos e representantes do tecido cultural, a última delas en Vigo cun cento de persoas

O obxectivo é facer partícipe á cidadanía da folla de ruta para converter este espazo nun referente cultural non só para a cidade, senón para Galicia e o norte de España

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2024

A caixa de correos virtual activada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para recoller propostas, ideas e suxestións que permitan enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga de Vigo vaise ampliar un mes máis e estará activa ata finais de outubro. Nun principio, estaba previsto que esta iniciativa, que forma parta da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, rematase en setembro, pero decidiuse alongala despois da boa acollida e alto interese en participar que espertou entre o sector cultural e particulares.

Cómpre lembrar que esta medida botou a andar a finais do mes de agosto e xa ten recibido máis de 200 propostas. O obxectivo desta caixa de correos virtual é incorporar as demandas da cidadanía e do amplo tecido cultural para construír con eles un espazo referente non só para a cidade, senón para Galicia e o norte de España.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor que ao estar activa ata finais de outubro, particulares e entidades culturais contan con máis tempo para seguir axudando a enriquecer o plan de usos deste emblemático edificio da cidade olívica enviando as súas ideas e proxectos a propostas@teatrofraga.gal .

Desde o Departamento de Cultura do Goberno galego celébrase o éxito da iniciativa desde o primeiro momento en que se puxo en marcha e comezaron a chegar propostas, sobre todo provenientes da cidade e da área metropolitana. Este alto interese tamén se reflectiu no primeiro encontro aberto coa cidadanía, celebrado a mediados de setembro, no que participaron un cento de entidades e particulares, que aportaron valiosas achegas para enriquecer o deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.

Precisamente, a campaña O mellor espazo busca o mellor contido tamén inclúe a programación de varias xuntanzas abertas á cidadanía. Así, tras o primeiro encontro en Vigo —que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López— continuaranse con máis reunións nos vindeiros meses con diversos axentes culturais, sociais e económicos da cidade.

Programación ambiciosa, incluídas iniciativas de carácter internacional

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é coñecedora da relevancia incuestionable que supón para a cidade de Vigo e tamén para o  tecido cultural de Galicia reabrir o Teatro Fraga. A súa recuperación supón dispor dun inmoble con salientables características en canto a tamaño e diversidade de espazos interiores. Consecuentemente, tanto Vigo como Galicia gañarán coa materialización deste proxecto un vector cultural moi significativo, apto para desenvolver programacións ambiciosas e relevantes, incluídas iniciativas de carácter internacional.

O que se prevé é aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.

Compromiso do Goberno galego con Vigo

O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época.

A súa recuperación é un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e tamén co apoio e pulo ao seu tecido cultural como xa se fixo coa execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como coas obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín que porá á disposición da cidadanía un edificio multiúsos para darlle espazo a entidades socioculturais, ademais do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.

Comparte