Nova: O CGAC e a Fundación Barrié abordan a complexidade da creatividade actual no ciclo Mentres sucede

28/04/2015

O CGAC e a Fundación Barrié abordan a complexidade da creatividade actual no ciclo Mentres sucede

De entrada libre, as conferencias serán impartidas por algúns dos máis destacados expertos do panorama contemporáneo nacional e internacional como Francisco Jarauta, Andrés Jaque, Juana de Aizpuru e Sarah Thornton

  • Mentres sucede. Derivas do presente Mentres sucede. Derivas do presente

Santiago, 28 de abril de 2015.-  O Centro Galego de Arte Contemporánea e a Fundación Barrié organizan o ciclo de conferencias ‘Mentres sucede. Derivas do presente. Arte e cultura no novo século (I)' coordinado por María Luisa Sobrino Manzanares (vogal do Padroado do CGAC), que terán lugar do 5 de maio ata o 22 de xuño de 2015.

O ciclo trata de recoñecer as derivas e marcar os procesos, introducirse na actualidade transformada e percorrer as paisaxes cambiantes e diversas que veñen sucedendo na arte do presente. Dende estas e moitas outras preguntas pretende ofrecer un retrato da complexidade da creación actual e recoller as súas respostas dende a voz de protagonistas e axentes de diferentes ámbitos, dende a historia e a teoría da arte, a arquitectura ou a experiencia artística. Unha oportunidade para xerar un mapa de teorías, experiencias, prácticas, lugares e críticas da arte presente.

Programación
As primeiras conferencias, a cargo do catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, Francisco Jarauta, terán lugar o 5 de maio no CGAC e o 6 de maio na sede da Fundación Barrié na Coruña. Baixo o título ‘La situación das Artes’, Jarauta dará comezo a un ciclo que pretende dar respostas sobre os lugares e as ideas da creación. As xornadas abordarán distintas visións do mundo artístico contemporáneo, xirando arredor da crítica, as tendencias, ou os novos desafíos do museo e as galerías.

O 13 de maio na Fundación Barrié será a quenda de Andrés Jacque co relatorio 'Transurbanismo de andar por casa', no que afondará nas formas transtecnolóxicas do político; mentres que o 9 de xuño - tamén na sede da Barrié- a galerista Juan de Aizpuru abordará o papel das galerías como axentes dinamizadores da arte a través do exemplo da súa propia experiencia, de case 45 anos neste eido.

O CGAC acollerá este relatorio de Aizpuru o día de 10 xuño, para pechar despois o ciclo o día 22 coa socióloga da arte Sarah Thornton, que disertará sobre o seu novo libro '33 Artists in 3 Acts', no que aborda o papel que os artistas xogan hoxe na nosa cultura.

Os diferentes actos serán presentados en formatos distintos, ben mediante conferencia maxistral, ben coa colaboración doutros axentes en conversacións ou diálogos. En todos os casos búscase un debate co público asistente e a relación e retroacción coas redes sociais.

Comparte