Nova: López Campos garante que a Xunta está a dar “todos os pasos necesarios” para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco
09/10/2024
López Campos garante que a Xunta está a dar “todos os pasos necesarios” para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco
Salienta o congreso internacional que se celebrará a finais deste mes no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín para revitalizar a candidatura de cara a 2026
Destaca que se están a cumprir rigorosamente cos trámites requiridos, como reflicte a entrega do primeiro avance do expediente ao embaixador de España ante a Unesco
Lembra que Goberno galego ten investido preto de 8 M€ na posta en valor de máis de 40 inmobles patrimoniais deste territorio nas provincias de Ourense e Lugo
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, garantiu hoxe que o Goberno galego está a dar “todos os pasos necesarios” para que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga sexa recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco en 2026. Así o aseverou en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia sobre o estado actual desta candidatura.
“Traballamos co convencemento de que o emocionante camiño iniciado en 2017 con esta candidatura vai ter o ilusionante resultado da consecución deste recoñecemento internacional”, aseverou López Campos na súa intervención, na que incidiu en que a Consellería da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a “cumprir rigorosamente” cos trámites que se lle están a requirir con este fin.
Precisamente, lembrou que el mesmo entregou hai varias semanas en París o primeiro avance do expediente da candidatura ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta. E seguindo a folla de ruta marcada, tamén precisou que esta documentación complementouse co envío que fixeron os técnicos do Ministerio de Cultura.
A continuación, segundo adiantou, entregaráselle á Unesco antes do 1 de febreiro de 2025 unha nova achega na que se recollerán a versión definitiva. “Trátase de pasos fundamentais co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico de 2026”, explicou.
Congreso internacional a finais de mes
No horizonte desta liña de traballo, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o papel que xogará na revitalización e promoción desta candidatura o congreso internacional Fontes que se celebrará os días 27, 28 e 29 deste mesmo mes no municipio ourensán de Nogueira de Ramún. “Vai contribuir dun xeito exponencial á súa difusión”, remarcou, ao tempo que confirmou a participación neste foro do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta.
O conselleiro apuntou que a finalidade deste congreso internacional é afondar, establecer sinerxías e debater sobre a xestión e retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial co propósito de promover estratexias de colaboración entre diferentes actores relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra.
O encontro contará con especialistas culturais e investigadores en bens patrimoniais. Sumaranse tamén representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do eido local como de outras comunidades autónomas. Neste senso, López Campos celebrou a “alta e ampla implicación” de sectores vencellados co patrimonio, coa cultura e co turismo, ao tempo que agradeceu o interese de todos eles “en traballar a prol de revitalizar a candidatura” co obxecto de acadar no Consello do Patrimonio Histórico, que se celebrará en 2026, “este merecido recoñecemento para a Ribeira Sacra”.
Xuntanzas con entidades e representantes locais
Ademais deste congreso, López Campos tamén quixo pór en valor as xuntanzas levadas a cabo nos últimos tempos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cos concellos e representantes locais da Ribeira Sacra co obxectivo de “escoitar, recoller e poñer en común” todo tipo de valoracións, suxestións e inquedanzas.
Ao respecto, incidiu en que foi un proceso que puxo o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, “coñecesen ben a situación da candidatura e puidesen transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma”.
“O obxectivo e o desexo é facer que Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, máis alá dun carácter institucional, sexa tamén unha proposta artellada polas xentes vencelladas estreitamente ao territorio, de maneira que sexa un ben patrimonial para todos sen deixar de ser a casa de moitos”, defendeu.
Folla de ruta iniciada en 2017
Finalmente, o conselleiro aproveitou a súa intervención para lembrar o “esforzo e intenso traballo” por parte do Goberno galego coa candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Neste senso, enxalzou o feito de que a Xunta de Galicia ten investido preto de 8 M€ na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.
En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. Ademais, López Campos salientou que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7 %, “alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra”. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, enxalzou.
Por estes motivos, insistiu en que desde Xunta de Galicia se ten o “firme convencemento de que todos xuntos aínda se pode facer máis” para que a declaración de Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra “sexa unha realidade a festexar en 2026 por toda a súa veciñanza; por todos os galegos e galegas e polo resto de España; e tamén, de seguro, que se sumará a esta celebración a comunidade internacional”, concluíu.