Nova: A 27ª Fira Mediterrània de Manresa ofrece tres espectáculos galegos a través do convenio asinado coa Xunta

10/10/2024

A 27ª Fira Mediterrània de Manresa ofrece tres espectáculos galegos a través do convenio asinado coa Xunta

Mondra, Nova Galega de Danza e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre son as tres formacións que se mostrarán neste mercado referente para os proxectos que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular

Representantes de promotoras galegas como Artyc Content, Culturactiva, Luneda, MusicArte, Play-Plan e Seispé acoden tamén ao encontro

Esta edición da feira vaise desenvolver ata o domingo 13 coa ollada posta na evolución da danza popular e nas disidencias como motor de creación

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

A 27ª Fira Mediterrània de Manresa inaugúrase hoxe cunha programación de 74 propostas artísticas entre as que figuran as galegas Mondra coa súa Folía das Ardentes, Nova Galega de Danza co espectáculo Dique e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre co seu novo disco Axúdame a sentir. Estes foron os tres proxectos seleccionados entre máis de 30 candidaturas do noso territorio para participar no mercado catalán co que a Xunta de Galicia mantén un convenio de colaboración ao consideralo un evento estratéxico de relevancia para avanzar na proxección exterior da música e a danza de Galicia.

Esta edición do mercado catalán céntrase no concepto das identidades disidentes dentro da música e a danza tradicional, un contexto no que encaixa precisamente a proposta do primeiro dos artistas galegos que van actuar en Manresa: Mondra. O  cantador e bailador vinculado á música e ao baile tradicional galego, ao teatro e tamén ao audiovisual, presentará o espectáculo do seu primeiro disco A Folía das Ardentes, que bebe da música tradicional galega, fuxindo de etiquetas e conectando coa electrónica e as danzas urbanas.

O showcase de Mondra enmárcase ademais na alianza tecida entre o Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, MUMI, e a Fira de Mediterrània baixo o patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este acordo traduciuse nun intercambio que permitiu que o MUMI recibise o pasado setembro a banda barcelonesa El Pony Pisador e que a Fira presente agora a proposta de Mondra. A súa actuación será mañá venres 11 de outubro a partir das 23,00 h. na Taverna Cervesa Guineu.

Neste mesmo espazo, o sábado 12 ás 13,00 h. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentarán o seu último disco publicado este mesmo ano, Axúdame a sentir, o cuarto da súa carreira en conxunto. Despois de 10 anos de traxectoria e máis de 350 concertos, este músico e compositor e o grupo de percusións e voces femininas, seguen traballando na recuperación e dignificación da música tradicional transmitida polas mulleres das aldeas galegas.

Entradas esgotadas para ‘Dique’

Tamén dentro da liña que a Fira dedica a recodificar a tradición, está programada a terceira proposta galega: o espectáculo Dique, coprodución da compañía Nova Galega de Danza coa Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego. Representarase o sábado 12 a partir das 20,00 h. no claustro do Museu del Barroc de Catalunya e chega a Manresa coas entradas esgotadas e moita expectación para ver esta montaxe que dirixe Marta Pazos a partir dunha historia recuperada polo director artístico da compañía, Jaime Pablo Díaz.

Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente para contar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas.

Responsables de programacións de todo o mundo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa apostando pola cooperación iniciada na pasada edición da Fira,  na que participaron Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo, Fillas de Cassandra, Os do Fondo da Barra, Caldo e Fran Sieira.

As formacións artísticas que acoden a Manresa teñen a oportunidade de presentar os seus traballos ante persoas responsables de programacións e axentes culturais de todo o mundo, co obxectivo de gañar visibilidade e pechar contratacións con empresas produtoras, festivais, circuítos e espazos relevantes do ámbito estatal e internacional.

Con este obxectivo, ademais da representación artística, acoden este ano a Manresa representantes de promotoras culturais galegas como Artyc Content, Culturactiva, Luneda, MusicArte, Play-Plan e Seispés.

A selección galega para a carteleira desta 27ª edición coincide cun momento creativo e interpretativo moi destacado tanto na música como nas artes do movemento, as dúas disciplinas nas que precisamente se centra o evento da localidade barcelonesa.

Comparte