Nova: A delegación territorial da Xunta acolle esta fin de semana dous concertos de música coral

11/10/2024

A delegación territorial da Xunta acolle esta fin de semana dous concertos de música coral

Lugo, 11 de outubro de 2024

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá esta fin de semana dous concertos de música coral no salón de actos. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación do Concerto de Outono que reunirá o domingo 13, a partir das 19.30 horas, ao Coro do Hospital de Lugo e ao Coro Senior do Campus de Vigo.

O conxunto lucense, dirixido por Fernando Gómez Jácome, conta cunha ampla traxectoria -desde 1991- que o levou a actuar en numerosos puntos de España e do estranxeiro. Pola súa banda, o coro vigués naceu no 2021 no marco do Programa de Maiores do Campus, está dirixido por Jacobo García González e realiza un importante labor no eido da conservación da música coral propia das universidades.

Este concerto estará precedido polo Encontro Musical de Outono, que terá lugar no mesmo espazo o sábado 12, a partir das 20.00 horas, e no que actuarán a Coral Polifónica El Eco, da Coruña, e o Conxunto Vocal Lugh.

Ambas citas serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Arias lembrou que a sede da Xunta é “un espazo aberto á cidadanía, no que teñen cabida entidades e manifestacións de índole cultural, deportivo ou social”.

Comparte