Nova: A Xunta pon en marcha obras de consolidación no xacemento arqueolóxico e da mámoa de Maus de Salas

13/10/2024

A Xunta pon en marcha obras de consolidación no xacemento arqueolóxico e da mámoa de Maus de Salas

Os traballos que se iniciaron esta semana pretenden recuperar e poñer en valor o patrimonio megalítico do encoro do Salas

A actuación está recollida no Plan Arqueolóxico deste ano que conta cun total de 32 xacementos intervidos nas catro provincias galegas

Muíños (Ourense), 13 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha esta semana as obras de consolidación no xacemento arqueolóxico e da mámoa da Veiga de Maus de Salas. Trátase dunha actuación que, cun importe de 35.000 €, busca recuperar e poñer en valor o patrimonio megalítico que se atopa no encoro do Salas.

Esta actuación reflicte o compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coas tarefas de escavación, limpeza e reparacións que se recollen no Plan Arqueolóxico posto en marcha este ano e que inclúe a intervención nun total de 32 xacementos en 30 concellos. Trátase dunha folla de ruta para poñer en valor o noso patrimonio mais sobranceiro no cal o Goberno galego destina 551.000 € neste 2024, nas catro provincias galegas.

Con esta obra, búscase a protección deste enclave que se atopa ao pé da Serra do Xurés, onde xa se teñen levado a cabo varios proxectos de recuperación do patrimonio, como a restauración do Foxo do Lobo, unha trampa de orixe medieval.

En concreto, estes traballos pretenden acondicionar todo o entorno do dolmen, a través das tarefas de escavación. Tamén inclúen o peneirado da terra, co obxectivo de recuperar todo o material que se atope depositado alí. Posteriormente consolidarase o dolmen, recolocando as lousas desprazadas daquela e protexendo o monumento das constantes crecidas e baixadas do encoro do Salas.

Comparte