Nova: A Xunta reparará os danos estruturais da cuberta da igrexa do Carme de Lugo
14/10/2024
A Xunta reparará os danos estruturais da cuberta da igrexa do Carme de Lugo
- O Consello da Xunta dá luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Diocese de Lugo por máis de 140.000 euros para estas obras
- O obxectivo das obras é restaurar as pezas afectadas do cumio do corpo na zona do presbiterio e deter así a entrada de humidade
- A actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego coa protección e posta en valor do patrimonio cultural da Comunidade
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2024.- O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Diocese de Lugo co que o Goberno autonómico impulsa a restauración dos danos estruturais que afectan á cuberta do inmoble. A igrexa do Carme, localizada xunto á Porta Miñá nos extramuros da muralla romana da cidade de Lugo, contará a través deste acordo cun investimento de máis de 140.000 euros.
Deste xeito, a intervención pretende actuar no inmoble para reconstruír as pezas afectadas do tellado, na zona do presbiterio, e poder deter así a entrada de humidade no ben.
Para iso, os traballos ao abeiro deste convenio inclúen a montaxe e desmontaxe dos andamios multidireccionais, a demolición da cuberta de lousa existente coa conseguinte xestión dos residuos que se xeneren. Así mesmo, tamén se formará unha nova estrutura de cuberta a través dunha armadura de madeira de castiñeiro cunha estrutura de aceiro inox na que se suxeitará o novo tellado de lousa rústica. O muro do templo estará unificado con morteiro de cal e sobre el pousarase o perpiaño de granito no que se apoia o teito.
Compromiso co patrimonio
A Diocese de Lugo é a titular do inmoble e beneficiaria final da axuda, polo que será quen execute os traballos de reconstrución da igrexa. O convenio enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia pola conservación e a protección do patrimonio artístico da Comunidade, así como na colaboración estable que a Consellería mantén coas dioceses galegas para a posta en valor do patrimonio cultural galego.
A Igrexa do Carme de Lugo, atópase xunto á Porta Miñá nos extramuros da muralla romana, calzada que conducía cara Santiago de Compostela, a través do camiño primitivo. Foi reconstruída en 1780 pola Irmandade da capela que anteriormente se atopaba alí e que decidiron reformar, concluíndo a capela maior, a sancristía e o camarín unidos ao corpo da xa existente.