Nova: A Xunta homenaxea a Ledicia Costas co Día das Escritoras como recoñecemento á súa difusión da lingua e literatura galegas dentro e fóra de Galicia

15/10/2024

A Xunta homenaxea a Ledicia Costas co Día das Escritoras como recoñecemento á súa difusión da lingua e literatura galegas dentro e fóra de Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará este xoves na Cidade da Cultura un acto aberto ao público, no que a autora conversará con María Solar

A área de Cultura e Lingua do Goberno galego enxalza que é unha das escritoras máis lidas e premiadas do panorama literario galego e unha das máis traducidas

O departamento que dirixe José López Campos pon en valor a calidade e prestixio das nosas autoras, con cinco Premios Nacionais no último lustro por obras na nosa lingua

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024

A  Xunta de Galicia homenaxeará a Ledicia Costas co Día das Escritoras como “xusto recoñecemento pola súa difusión da lingua e literaturas galegas dentro e fóra de Galicia”. Deste xeito, o vindeiro xoves, 17 de outubro, a Cidade da Cultura acollerá un acto aberto ao público, nunha conversa guiada pola xornalista e tamén autora María Solar .

Co gallo da semana do Día das Escritoras —efeméride que este ano se celebra o 14 de outubro— a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove este acto para poñer en valor a calidade e prestixio desta autora, en particular, e das escritoras galegas, en xeral, tal e como reflicte o feito de que no último lustro cinco delas teñen sido distinguidas con Premios Nacionais con obras escritas en galego: Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés e Marilar Aleixandre.

O departamento de Cultura e Lingua pon o foco desta celebración en Ledicia Costas pola  “excelsa calidade” da obra da escritora viguesa, unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego e tamén unha das máis traducidas, “o que a converte nunha prestixiosa difusora da creación e da cultura galegas en Galicia e no resto do mundo”.

Extenso e premiado currículo literario

Precisamente, este labor foi recoñecido polo Goberno galego en 2023 cunha das Medallas Castelao, que distinguen as galegas e galegos polas súas contribucións singulares e por levar o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. A esta distinción súmaselle a dos Premios da Cultura Galega na categoría de Letras en 2020.

Desde o Goberno galego destácase especialmente a súa inquedanza por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, con constantes reedicións das súas obras, entre as que se inclúe a súa primeira novela Unha estrela no vento, que vai pola 17ª edición.

Tamén conta entre os seus recoñecementos co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura a Escarlatina, a cociñeira defunta, gañadora anteriormente do Premio Merlín e que, en 2016, pasaría a formar parte da Lista de Honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Ademais, tamén foi a obra coa que se levou o Premio Lazarillo de Literatura infantil, que volveu repetir con outros dous libros, converténdose na única autora na historia deste galardón que logrou este triplete.

Inclúense, entre os seus extensos recoñecementos, os de carácter internacional, como o prestixioso Premio White Raven por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Volveu ser premiada co mesmo premio en 2017 pola novela A badalada dos unicornios, converténdose na única autora galega en conseguilo en dúas ocasións. Pola versión en castelán recibiu o Premio Kelvin 505, outorgado no marco do Festival Celsius.

Aínda que os seus maiores éxitos tenos acadado no contexto da literatura infantil e xuvenil, está considerada unha autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros. Precisamente, en 2022 gañou o XX Premio de Poesía Afundación con Ultraluz. 

Acto de homenaxe aberto ao público

O departamento que dirixe José López Campos enxalzou este amplo e premiado currículo que “avala por si mesmo” centrar na súa traxectoria o Día das Escritoras. Será nun acto institucional aberto ao público na Cidade da Cultura o vindeiro xoves, ás 19,30 horas, no que para acudir só haberá que inscribirse no enderezo electrónico eventos.cultura@xunta.gal

A homenaxe centrarase nunha conversa entre Ledicia Costas e a xornalista e escritora María Solar,  Premio Xerais de Novela en 2022, que servirá para profundar na ampla e variada obra da autora, e que permitirá tamén coñecer máis as súas creacións e o seu proceso de escrita.

Comparte