Nova: A Xunta pon en valor os vínculos culturais con Portugal na nova edición de ‘Conversas Nortear’
16/10/2024
A Xunta pon en valor os vínculos culturais con Portugal na nova edición de ‘Conversas Nortear’
A cita celebrarase en Braga coas escritoras María López Sández e Isabel Cristina Mateus
Braga (Portugal), 16 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia continua poñendo en valor os vínculos culturais entre a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, mediante a celebración dunha nova edición de Conversas Nortear, o ciclo no que participan as autoras María López e Isabel Mateus e que ten lugar hoxe no Museu Nogueira da Silva, en Braga ás 18,00 horas.
Trátase dunha iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia ao abeiro do proxecto de intercambio e cooperación cultural Nortear, co que se busca promover o coñecemento e a colaboración entre Galicia e Portugal. Nesta ocasión a galega María López Sández e a portuguesa Isabel Cristina Mateus, moderadas polo director do museo, António Gonçalves, manterán unha conversa sobre mulleres escritoras que estará aberta ao público na sede do centro museístico.
As autoras
María López Sández (Lugo, 1973) é ensaísta e investigadora. Fíxose con diversos galardóns como o Premio Repsol de Narrativa Breve en 2012 e, recentemente, acadou un notable éxito no mercado editorial en galego coa súa obra O faro escuro. Esta autora é especialista no estudo da cartografía como semiótica do espazo, na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, e tamén na análise da figura de Rosalía de Castro. Neste senso, foi galardoada co Premio Ramón Piñeiro de ensaio polo texto Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio onde analiza a obra da ilustre escritora galega.
Isabel Cristina Mateus é licenciada en Linguas e Literaturas Modernas pola Universidade de Coimbra e doutorada en Ciencias da Literatura Portuguesa pola Universidade do Minho, onde é profesora auxiliar. Ten publicados libros, textos en revistas e varios ensaios sobre autores da literatura portuguesa moderna e contemporánea. Ademais, é membro da dirección da Asociación Portuguesa de Escritores e da Comisión LATE (Liña de Apoio á Tradución e Edición) do instituto Camões. Foi distinguida co Premio de Ensaio Óscar Lopes e o Premio de Ensaio Pen Clube co texto Kodakização e Despolarização do Real: para uma Poética do Grotesco na Obra de Fialho de Almeida.
Este tipo de accións encádranse no programa de intercambio cultural entre Galicia e Portugal Nortear, cofinanciado pola Unión Europea e que ten como entidades promotoras a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, liderados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial de Galicia–Norte de Portugal.