Nova: A Xunta destina 48.300 euros a mellorar as condicións de conservación do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo

17/10/2024

A Xunta destina 48.300 euros a mellorar as condicións de conservación do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se estudarán os efectos producidos pola climatoloxía ou o funcionamento hidráulico e realizaranse tarefas de mantemento 

Lugo, 17 de outubro de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude licita hoxe traballos de conservación preventiva no monumento de Santa Eulalia de Bóveda, nos que investirá 48.300 euros. 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o conxunto e explicou que se realizarán labores de mantemento e actuacións orientadas a estudar a hidráulica do edificio e os efectos das condicións ambientais e climatolóxicas, singularmente a acción do sol. O prazo estimado de execución é dun ano.

Entre outras tarefas, limparase a cuberta plana e repararase a canle de aceiro inoxidable na fronte do forxado, que recolle as pingueiras de filtracións de auga; tamén se arranxará a marquesiña que protexe o arranque da bóveda do piso superior, e a cámara bufa dotarase de iluminación de mantemento e un acceso seguro.

Así mesmo, abrirase unha pequena fiestra na porta de acceso dende o camiño para permitir a visión frontal do monumento cando permaneza pechado, e mellorarase a  accesibilidade á oficina de información, situada a escasos metros.

Para afondar no coñecemento das condicións óptimas de conservación, vaise cubrir provisionalmente o espazo do adro cunha tela de sombra calada que servirá para valorar  o control do sol nesa zona. Na mesma liña, para estudar o control de temperatura e humidade, illarase o interior pechando portas e fiestras con carpinterías de madeira de  castiñeiro. Por último, levantarase o pavimento da piscina para o estudo do funcionamento hidráulico dos distintos canles do conxunto.

Orixe e uso

Santa Eulalia de Bóveda conta coas declaracións de Monumento Nacional -desde 1931- e Ben de Interese Cultural. Existen diversas teorías sobre a súa orixe e evolución, pero todas apuntan ao carácter romano do monumento e a maioría describen polo menos dous momentos principais na súa historia. 

O primeiro estaría vinculado á construción dun espazo único cuadrangular abovedado precedido dun pórtico a modo de nártex , e o segundo ás pinturas e á división do espazo en tres naves separadas por columnas e arcadas.  O monumento orixinal poderíase datar entre os séculos III e IV da nosa era, pero no relativo ás pinturas existen discrepancias en canto ao momento no que foron executadas, a pesares de que tanto as técnicas como a alta calidade e os motivos son típicos do arte romano tardío, e como conxunto son as máis importantes de España. 

Igualmente, persisten as dúbidas acerca do seu uso, con interpretacións que entenden que puido ser orixinariamente un mausoleo similar a outros atopados no leste do imperio, ou ben un ninfeo, ou tamén un lugar de reunión de culto pagán relacionado coas propiedades curativas da auga, e posiblemente cristianizado con posterioridade, momento no que se dividiría en tres naves.

Comparte