Nova: Rueda destaca ao galego Gonzalo Torrente Ballester como un dos escritores máis salientables da literatura española do século XX

18/10/2024

Rueda destaca ao galego Gonzalo Torrente Ballester como un dos escritores máis salientables da literatura española do século XX

Salienta a influencia que Galicia tivo na súa obra coa ironía ou as alusións a mitoloxía como protagonistas 

Resalta que a cultura galega está a vivir un novo rexurdimento e que a Xunta aposta sempre por apoiar a un sector clave para difundir a nosa identidade

Madrid, 18 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a figura do ferrolán Gonzalo Torrente Ballester coma un dos escritores máis salientables da literatura española do século XX e cun legado que cómpre poñer en valor e promover entre o conxunto da sociedade. 

Durante a inauguración da exposición ‘Gonzalo Torrente Ballester, la travesía de un creador’ na Biblioteca Nacional de España, Rueda fixo fincapé na importancia que a súa Galicia natal tivo na súa obra coa presencia da ironía, a mitoloxía ou alusións a tradicións orais da comunidade galega. 

Rueda salientou o gran momento que está a vivir a cultura galega, “un novo rexurdimento” e destacou a aposta da Xunta por un eido que é fundamental para dar a coñecer a identidade e a comunidade galega máis aló das súas fronteiras. 

Exposición

A Xunta colabora coa Biblioteca Nacional, a Junta de Castela e León, o concello de Ferrol e a Fundación Torrente Ballester na organización de esta exposición, comisariada por Darío Villanueva e Carmen Becerra, para conmemorar o 25 aniversario do pasamento do autor galego.

A mostra fai un percorrido pola traxectoria profesional deste escritor, profesor, ensaísta, articulista ou crítico literario a través de diferentes lugares que foron claves ao longo da súa vida como Ferrol, Pontevedra, Madrid, Estados Unidos ou Salamanca.

A exposición poderá verse ata o vindeiro 12 de xaneiro na Sala das Guillotinas da Biblioteca Nacional,  pero será itinerante e chegará a Ferrol e Salamanca no 2025.

Comparte