Nova: A Xunta continúa en Ourense cos encontros informativos sobre a Rede Adival

21/10/2024

A Xunta continúa en Ourense cos encontros informativos sobre a Rede Adival

Trátase da segunda das reunións territoriais programadas polo Goberno galego con distintas institucións, equipamentos, xestores ou asociacións

Anxo M. Lorenzo destaca o obxectivo de “constituír unha ferramenta de coordinación para achegar actividade cultural a todos os puntos de Galicia”

A medida vai en consonancia coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible que se prevé aprobar a finais de ano

Xinzo de Limia (Ourense), 21 de outubro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, continuou hoxe en Xinzo de Limia a rolda de xuntanzas territoriais que, ao longo destas semanas, se celebran nas catro provincias galegas con xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións, entre outras entidades, para dar a coñecer de primeira man a Rede Adival de dinamización da cultura no rural de Galicia e escoitar propostas e suxestións.

Tal e como explicou o representante da Xunta, a iniciativa nace co obxectivo de “constituír unha ferramenta de coordinación que permita construír unha programación cultural máis forte en todos os puntos da Comunidade grazas ao traballo conxunto de todos os entes implicados neste tipo de accións nas zonas rurais”. Así, sostivo, “estas reunións encádranse na nosa intención de involucrar directamente aos axentes para que coñezan as vantaxes de pertencer ao circuíto e dialogar con eles sobre as súas inquedanzas e suxestións”.

Todo isto, lembrou Anxo M. Lorenzo, vai en consonancia coa Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia que se prevé aprobar a finais de ano co propósito de que “o lugar de residencia, a idade, ou calquera outra cuestión, non sexan un condicionantes á hora de poder gozar da mellor oferta cultural”.

Con este novo paso, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúase a avanzar de cara a contar nos vindeiros meses co documento no que quede definido o organigrama da Rede Adival, que se concibe como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro e que suporá, subliñou o responsable da área de Cultura da Xunta, un “importante impacto para a poboación que vive fóra das áreas urbanas ampliando as súas oportunidades de programación no eido da cultura”.

Liñas de actuación

A posta en marcha da iniciativa persegue ampliar a oferta cultural en todo o territorio, ademais de favorecer a diversidade de propostas e o intercambio rural-urbano. Así, entre as súas liñas de actuación figura o deseño dunha programación cultural propia, na que se contemple a itinerancia de ciclos polas entidades adheridas.

Tamén quedarán estipuladas as subvencións ás que terán acceso os integrantes, así como un servizo de asesoramento e un plan de formación. A elaboración dun programa de mediación que axude aos participantes na Rede na composición das súas actividades, tendo en conta os seus recursos e públicos, é outra das vantaxes das que se beneficiarán.

Comparte