Nova: A Xunta mantén o seu apoio ao Festival Kerouac de Vigo, unha das citas referente da poesía en España

22/10/2024

A Xunta mantén o seu apoio ao Festival Kerouac de Vigo, unha das citas referente da poesía en España

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do certame, con sedes en Nova York e México, que renderá homenaxe ás mariscadoras

Desde este xoves, día 24, e durante tres días gozarase da creación de poetas galegas, do resto de España e tamén de Lisboa, Madrid, Miami e da capital neoiorquina

Vigo, 22 de outubro de 2024.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do Festival Kerouac, unha das citas referente de poesía escénica en España e das máis veteranas, que se celebra desde hai 14 anos en Vigo co apoio do Goberno galego. A iniciativa desenvolverase do 24 ao 26 de outubro na cidade olívica coa presenza durante tres días de poetas galegas, de Segovia, León e Madrid, xunto a creadoras de Lisboa, Miami e Nova York para unha programación que mestura arte, música e performance.

Durante a súa intervención, o representante  da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou a “sempre orixinalidade, calidade e afouteza” demostrada por este festival —con sede en Vigo e tamén en Nova York e México— ao longo da súa traxectoria, poñendo en valor que esta edición renda homenaxe ás mulleres, con especial atención ás nosas mariscadoras, ”referentes en tantas cuestións na nosa Comunidade, que era xusto que tamén tiveran o seu merecido protagonismo nun festival tan ecléctico e transversal como o é o Kerouac”, defendeu.

Precisamente, unha das convidadas deste ano é a mariscadora-poeta do municipio pontevedrés de Vilanova, Dula Piñeiro, quen será unha das protagonistas, xunto con Elisa Scarpa, escritora recoñecida na escena poética portuguesa. Ademais, tamén participará a poeta e artista dixital Ana María Caballero, coñecida mediaticamente por vender un poema por 11.000€ na afamada casa internacional de poxas Sotheby’s.

Esta estadounidense de ascendencia colombiana presentará a súa performance no Museo de Arte Contemporánea, sede principal do festival xunto á Escola Oficial de Idiomas e as instalacións del El Corte Inglés na cidade de Vigo.

Programación de tres días en seis idiomas

O director xeral de Cultura animou á participación neste “emblemático festival” que supón “gozar de poesía, arte, música e performance durante tres días e en seis idiomas”. Deste xeito, valorou a capacidade deste certame para “innovar cada ano co obxecto de amosar sempre unha programación contemporánea que racha clixés e estereotipos e amosa o máis vangardista das propostas poéticas de ambos continentes”, concluíu.

 

Comparte