Nova: A Xunta promove o concerto que ofrecerá Sophie Auster no Círculo das Artes de Lugo o 31 de outubro

22/10/2024

A Xunta promove o concerto que ofrecerá Sophie Auster no Círculo das Artes de Lugo o 31 de outubro

Inicia o ciclo de colaboracións para impulsar eventos culturais no inmoble da sociedade recreativa lucense, catalogado como Ben de Interese Cultural

Lugo, 22 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia promove o concerto que ofrecerá  Sophie Auster no Círculo das Artes o xoves 31 de outubro a partir das 20.30 horas. A cita foi presentada hoxe na Delegación Territorial polo delegado, Javier Arias; o presidente da sociedade recreativa, Miguel Caraduje, e Eduardo Núñez, da empresa de dinamización cultural “La Liebre”.

O concerto da artista neoiorquina dará inicio a un ciclo de colaboracións polo que o Goberno galego programará diversos eventos culturais na sede do Círculo, catalogada como Ben de Interese Cultural; enmárcase dentro dun acordo máis amplo que tamén inclúe a execución de obras de mellora na cuberta, fachada e interiores deste inmoble. A  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 200.000 euros para este fin.

Sophie Auster está a comezar a xira de presentación do seu novo álbum “Milk for Ulcers”, título que alude á dor pola perda do seu pai, o escritor Paul Auster -falecido o 30 de abril deste ano-, e a alegría polo tamén recente nacemento do seu primeiro fillo. 

Lugo será unha das paradas para presentar este traballo en España, con todas as entradas esgotadas, e ten previstos tamén concertos en Madrid (1 de novembro), Castellón de la Plana (3 de novembro), e Barcelona (6 de novembro), antes de continuar a xira europea.

A cantante debutou no ano 2005, con só 18 anos, e conta cunha reputada carreira musical. O seu último traballo ten influencias do folk, soul e a música alternativa, e foi presentado hai uns días en Oviedo no marco da entrega dos premios Princesa de Asturias, que ostentan na categoría das Letras tanto o seu pai (distinguido no ano 2006) como a súa nai, Siri Hustvedt (no 2019).

Comparte