Nova: A Xunta pon en marcha unha nova escavación arqueolóxica no Castro de Montesclaros
22/10/2024
A Xunta pon en marcha unha nova escavación arqueolóxica no Castro de Montesclaros
Esta semana comezan as tarefas de conservación, musealización e consolidación, destinadas a seguir coa súa investigación e revalorización
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 10.300€ para esta nova campaña que dá continuidade aos traballos previos levados a cabo polo concello
O Goberno galego impulsa seis actuacións na provincia da Coruña repartidas en sete localidades
A Laracha (A Coruña), 22 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia comeza esta semana novos traballos de consolidación e acondicionamento no Castro de Montesclaros, no concello coruñés da Laracha, co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización. A actuación enmárcanse no Plan de intervencións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que neste ano contempla un total de 32 accións en 30 concellos de todo o territorio.
Cun orzamento de 10.300€, estas tarefas veñen dar continuidade aos traballos realizados desde o ano 2017 para favorecer a posta en valor deste ben catalogado e concéntranse, nesta ocasión en ampliar as tarefas de investigación e rexistro deste xacemento.
Os labores, cun período estimado de 15 días, concéntranse na escavación con metodoloxía arqueolóxica, na diagnose do estado de conservación, na musealización e na consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se fará un levantamento topográfico, en tres dimensións, da área de actuación e un debuxo das estruturas exhumadas. Todo isto complétase coa recollida de mostras e documentación gráfica.
Seis actuacións na provincia da Coruña
No caso da provincia da Coruña, inclúense seis intervencións en sete concellos, entre as que destaca a que se está levando a cabo no campamento romano de Ciadella. Así, ademais da limpeza, mantemento e mellora dalgunhas instalacións como os soportes de sinalización deste forte militar do concello de Sobrado, as tarefas tamén incluíron o acondicionamento da aula de interpretación, xa dispoñible.
Pola súa banda, a escavación arqueolóxica no sector da sauna castrexa do Castro de Sarridal, en Cedeira, así como as tarefas de conservación xa rematadas, permitiron recoñecer novas estruturas e consolidar os restos arqueolóxicos recuperados neste xacemento fortificado da Idade do Ferro.
Son proxectos que se completan con outros que están por comezar na Laracha (no Castro de Montes Claros) e en Zas (Camiño Pedra do Altar), e cos realizados na comarca do Barbanza co rexistro dixital de cámaras megalíticas en Noia, Boiro e Ribeira, ademais da prospección levada a cabo neste último municipio para a documentación dos petróglifos localizados no lugar de Balteiro.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fai un investimento total no Plan de intervencións arqueolóxicas 2024 de 551.162€, destinando á provincia da Coruña 74.100€.