Nova: ‘As liñas descontinuas’, segunda longa de Anxos Fazáns, ródase en Marín e Vigo co apoio da Xunta

29/10/2024

‘As liñas descontinuas’, segunda longa de Anxos Fazáns, ródase en Marín e Vigo co apoio da Xunta

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acompaña este proxecto desde as súas orixes con axudas ao seu guión, desenvolvemento previo e produción que supoñen un investimento de máis de 270.000 euros

Mara Sánchez e Adam Prieto encabezan o reparto deste filme da produtora galega Sétima con Sideral, gravada integramente en galego

Súmase a outras seis películas e series filmadas en Galicia durante este segundo semestre do ano con subvención do Goberno autonómico

Marín (Pontevedra), 29 de outubro de 2024

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera Oca, asistiron hoxe no lugar de Aguete, en Marín, á filmación de varias das secuencias de As liñas descontinuas, a segunda longametraxe de Anxos Fazáns, que se grava este mes de outubro entre este concello pontevedrés e Vigo e que está integramente rodada en galego.

A compañía Sétima está á fronte deste novo título da realizadora marinense, para a que conta cunha das subvencións da Xunta de Galicia á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos. Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acompaña economicamente o proxecto desde as súas orixes a través doutras das liñas de axudas ao sector, como as dirixidas á escrita de guións e ao desenvolvemento da fase de preprodución, de xeito que o investimento autonómico neste filme suma máis de 270.000 euros.

A produtora encabezada por Silvia Fuentes e a propia Anxos Fazáns, leva a cabo este traballo xunto a Sideral e conta tamén co apoio de TVG, entre outras entidades. Ademais, vén abalada pola súa selección nos laboratorios de guión Sources 2, La Incubadora de ECAM ou o campus de verán da Academia de Cine.

Encontro interxeracional

As liñas descontinuas é a segunda longa de Anxos Fazáns tras o seu debut en 2017 con A estación violenta. Neste novo traballo, parte dunha noticia que atopou nun xornal para contar o encontro entre Bea, unha produtora musical de 50 anos que atravesa un momento de crise persoal, e Denís, un mozo que, a pesar de ter estudiado unha carreira, loita contra a precariedade e a falta de oportunidades.

Mara Sánchez, actriz cunha sólida carreira tanto no audiovisual como nos escenarios galegos, e o debutante Adam Prieto interpretan a parella protagonista desta fita, na que se abordan temáticas sociais, contemporáneas e urbanas, que conectan con varias xeracións. Destaca tamén o seu universo sonoro, a partir de bandas galegas con proxección estatal, como Triángulo de Amor Bizarro e The Rapants, e de artistas sonoras como Pálida e Russ.

A de As liñas descontinuas é xa a sétima produción audiovisual subvencionada polo Goberno galego que se roda na nosa Comunidade durante este segundo semestre do ano, durante o que tamén está a ser ou foi o escenario para a serie galego-portuguesa Lume e as películas Antes de nós, de Ángeles; Tralovento, de Eloy Domínguez Serén; Onte a noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín; Romería, de Carla Simón, e Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo.

Comparte