Nova: A Rede Galega de Música ao Vivo encara unha intensa recta final con 23 concertos de 21 artistas e grupos ata decembro
31/10/2024
A Rede Galega de Música ao Vivo encara unha intensa recta final con 23 concertos de 21 artistas e grupos ata decembro
A Xunta de Galicia subvenciona o 100% das actuacións ao abeiro do circuíto autonómico de música, ademais de cofinanciar a programación paralela das seis salas asociadas con outros 48 directos de 41 formacións ata finais de ano
Ejazz, Caamaño&Ameixeiras, Catuxa Salom, Lucía Aldao, Rosa Cedrón ou Belem Tajes forman parte desta oferta, integramente galega, que reflicte a variedade de estilos e o protagonismo feminino do noso panorama musical
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024
A Rede Galega de Música ao Vivo, impulsada pola Xunta en colaboración con salas privadas das catro provincias, entra na recta final da programación de 2024 cun intenso calendario de concertos que, entre novembro e decembro, suma 23 citas de 21 solistas e bandas galegas en seis localidades.
A Axencia Galega das Industrias Culturais xestiona este circuíto autonómico a partir dunha convocatoria específica de axudas mediante a que subvenciona ao 100% a oferta, integramente galega, dos seis espazos que integran a Rede Galega de Música ao Vivo na temporada 2024-2025: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), Sala La Room (Ferrol) e Guión Clube (Pontedeume), na provincia da Coruña; o Club Clavicémbalo da capital lucense, na de Lugo; A Arca da Noe (Vilar de Santos), na de Ourense, e La Pecera (Vigo), na de Pontevedra.
A través desta liña de apoio, cofinánciase ademais a programación paralela das devanditas salas, con outros 48 directos de 41 formacións nestes dous últimos meses do ano. En total, os seis espazos reciben máis de 65.000 euros para a realización de 135 concertos ao longo do segundo semestre de 2024, dos que 44 están incluídos no catálogo da Rede Galega de Música ao Vivo e 91 corresponden á súa oferta complementaria.
Máis dun 50% de presenza feminina
Máis da metade das 23 actuacións programadas na Rede Galega de Música ao Vivo para os meses de novembro e decembro, 12 en concreto, están lideradas por mulleres ou contan con presenza feminina. Este dato supera o mínimo do 40% establecido como requisito na convocatoria de axudas como parte das medidas consensuadas co sector para impulsar tanto a presenza feminina como a de bandas galegas nas programacións musicais da nosa Comunidade.
A programación da Rede Galega de Música ao Vivo para este último tramo do ano arranca mañá venres, ás 22,30 h., en Lugo co concerto do cuarteto vocal feminino Ejazz, que ofrecerá o seu espectáculo In Crescendo no Club Clavicémbalo como parte, ademais, do Festival de Jazz da capital lucense. O sábado será a quenda de Adrián Costa Blues Band, que actuará na sala La Pecera de Vigo ás 21,30 h.
Nos días posteriores tamén pasarán polos seis espazos do circuíto Espiño, Belém Tajes, Sabela, Filloas, Mad Martin Trío, Lucía Aldao, Vatapá Quinteto, Andhrea & the Black Cats, Caamaño&Ameixeiras, Catuxa Salom, Nestor Pardo, Daydream Sessions, Inés Carreño, Jay Doe & The Blues Preachers, Ju Young & Martín Otero, Drumlees Trío, Rosa Cedrón, La Casa de los Ingleses e Cherry Sweet.