Nova: Mondoñedo acolle os días 8 e 9 de novembro a terceira edición do festival ‘Breason’ co apoio da Xunta

31/10/2024

Mondoñedo acolle os días 8 e 9 de novembro a terceira edición do festival ‘Breason’ co apoio da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación dos concertos e actividades paralelas xunto coa asociación xuvenil Xoldra, promotora da iniciativa

Mondoñedo (Lugo), 31 de outubro de 2024

A asociación xuvenil Xoldra prepara para os días 8 e 9 de novembro en Mondoñedo a terceira edición do festival Breason, que conta un ano máis co apoio da Xunta.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación dos concertos e actividades paralelas. O sábado 9, xornada principal, a praza da Catedral acollerá as actuacións de Ortiga, De Ninghures, Cool Nenas, Terbutalina, Brassica Rapa e Meniñ@s da Mariña. Tamén contarán coa animación de La Duendeneta. Na xornada previa, o venres 8, actuará no mesmo espazo a banda de música Pascual Veiga da Escola Municipal de Música “O Pallarego”.

O festival terá zona de acampada e unha programación variada que inclúe xogos populares, foliada, un magosto e obradoiros de artesanía en colaboración coa asociación “O Pasatempo” e “Artesanía dos Muíños”. O público asistente poderá desfrutar dos concertos de balde.

Javier Arias felicitou á organización “polo seu acerto ao deseñar un festival para todos os públicos”, que mostra “o potencial de Mondoñedo para acoller propostas lúdicas e culturais de todo tipo” e axuda a dinamizar o concello nesta época do ano.

Tamén gabou a aposta por “promocionar os grupos de música locais e galegos”, en sintonía coas accións que impulsa a Xunta para difundir “o talento creativo que temos en Galicia en todos os campos”.

Comparte