Nova: A Filmoteca de Galicia e a Fundación Japón organizan unha retrospectiva sobre a documentalista Sumiko Haneda
04/11/2024
A Filmoteca de Galicia e a Fundación Japón organizan unha retrospectiva sobre a documentalista Sumiko Haneda
A cinemateca da Xunta recibe a partir de mañá un ciclo itinerante con 10 títulos desta cineasta pioneira, a meirande parte deles inéditos en España
Na carteleira de novembro, tamén destaca un encontro coa directora Pilar Palomero co gallo da proxección de ‘Los destellos’ o día 12
A presentación do libro ‘Escuela de cineastas’ dá pé a compartir co público seis prácticas de directores como Saura e Borau durante a súa etapa como estudantes de cinema
A Coruña, 4 de novembro de 2024
A Filmoteca de Galicia acolle en novembro unha programación especial dedicada á documentalista xaponesa Sumiko Haneda e unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero coa visita da directora Pilar Palomero. A presentación do libro Escuela de cineastas e a continuidade da retrospectiva sobre Agnès Varda son outras das citas que vertebran a nova carteleira mensual.
Baixo o título Ampliar os afectos. O cine de Sumiko Haneda, a cinemateca da Xunta e a Fundación Japón achéganlle ao público galego a obra desta cineasta nipoa, aínda moi descoñecida en Occidente. Francisco Algarín e Irene González-López presentarán mañá esta retrospectiva, da que son comisarios, facéndose eco do estudo e do recoñecemento crecente cara a Haneda. A Sala José Sellier da Coruña é unha das catro paradas deste ciclo itinerante, que propón un percorrido cronolóxico por 10 fitas da directora, a meirande parte delas inéditas en España.
Máis de 60 anos en activo
Pioneira do cinema de non-ficción xaponés, Sumiko Haneda (Dalian, 1926) é unha das poucas cineastas que conseguiu facerse un lugar nun mundo de homes durante a posguerra, cando entrou a formar parte dos estudios Iwanami, produtora de filmes educativos e punto de encontro dos mellores documentalistas nipóns. Ao longo dos seus máis de 60 anos en activo e cunha obra filmada que comprende máis de 100 títulos, Haneda trata temas tan diversos como a preservación da natureza, as artes tradicionais, a desintegración do Xapón rural, o envellecemento da sociedade ou a celebración do traballo e da creatividade das mulleres.
O 12 de novembro a Sala José Sellier acolle unha nova sesión do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, que ofrece un encontro coa directora Pilar Palomero a propósito da proxección do seu filme Los destellos, recentemente estreado en cines e Concha de Prata á mellor interpretación protagonista para Patricia López Arnaiz na pasada edición do Festival de San Sebastián.
Viaxe aos comezos de Saura ou Borau
Esa mesma semana, a Filmoteca da Xunta tamén recibirá a visita de Fernando Méndez-Leite, presidente da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, para a presentación o día 15 do libro Escuela de cineastas. Las primeras prácticas de los grandes directores del cine español xunto aos seus autores, Asier Aranzubía e José Luis Castro de Paz. Trátase dun estudo das prácticas dos alumnos dos antigos Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e Escuela Oficial de Cine entre os anos 50 e comezos dos 70 do pasado século. Con tal motivo, tanto o venres 15 como o martes 19 proxectaranse seis prácticas firmadas polos cineastas Carlos Saura, Francisco Regueiro, José Luis Borau, Basilio Martín Patino, Manuel Summers e Agustín Navarro como estudantes destes centros.
Ademais, en novembro continúa o ciclo Universo Agnès Varda, desta volta centrado sobre todo no seu traballo documental. Exhibiranse 13 curtametraxes divididas en tres sesións os días 6, 9 e 30, así como catro longametraxes: Lions Love (…and Lies) os días 19 e 20 de novembro, Documenteur (días 21 e 22), Murs Murs (días 23 e 26) e Daguerrotipos (días 27 e 29).
No marco da sección Off Galicia, o venres 29 o cineasta pontevedrés Iago Barrado presenta a súa primeira longametraxe, Sen alma, unha película de suspense que conta a historia dunha vila galega que se enfronta ao virus da rabia, que xa infectou a poboación mundial.
A cinemateca da Xunta ofrece, así mesmo, unha nova entrega da serie Walker, do cineasta taiwanés Tsai Ming-liang, coa proxección de Sin dormir e ARENA o 20 de novembro. Xa na sección Fóra de serie, esta programación inclúe a reposición do filme Las margaritas, un dos títulos fundamentais da Nova Onda do cine checo, dirixido por Vera Chytilová (27 e 28 de novembro). E tamén nas últimas semanas do mes, a Filmoteca colabora co Cormorán Film Fest como unha das sedes deste festival de cine de autor.