Nova: A Xunta premia unha instalación visual para as Torres Hejduk do Gaiás que recrea unha perturbadora visión da natureza xerada polos erros das máquinas
06/11/2024
A Xunta premia unha instalación visual para as Torres Hejduk do Gaiás que recrea unha perturbadora visión da natureza xerada polos erros das máquinas
O proxecto ‘Phygital land, traducións do físico ao virtual’ combina proxeccións e esculturas impresas en 3D para crear representacións nas que o fallo na captura de datos e a visión imperfecta da tecnoloxía se converten en parte da obra
É unha proposta da creadora visual granadina Irene Molina, que foi seleccionada como vencedora da convocatoria de intervencións artísticas nas Torres Hejduk lanzada entre os e as participantes do XIV Encontro de Artistas Novos
Concibida como instalación artística efémera, será inaugurada en agosto de 2025, coincidindo coa celebración da próxima edición desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.
A instalación constará tanto de proxeccións dixitais como de esculturas creadas a través de técnicas como a fotogrametría e a impresión 3D. Estas imaxes non procuran ser representacións fieis da natureza, senón creacións a partir de imaxes degradadas ou de baixa resolución, nas que a máquina enche os datos que faltan. A través deste proceso, xérase un tipo de natureza onde os erros dixitais e as fallas na captura de datos se converten en parte esencial da obra: nacen do erro e a visión imperfecta da tecnoloxía, dos ollos dunha máquina que percibe o mundo segundo o algoritmo, coas súas limitacións e reinterpretacións.
O proxecto Phygital land fundaméntase así na teoría da “imaxe pobre” da artista visual e realizadora cinematográfica alemá Hito Steyerl, que describe as imaxes dixitais de baixa resolución, aquelas que foron comprimidas, degradadas e redistribuídas, como una forma subversiva de produción cultural. Estas imaxes non só son “pobres” en calidade técnica, senón tamén en termos do seu lugar na xerarquía da produción visual: revelan a loita entre o control da información e a democratización do seu acceso.
Proxecto gañador do XIV Encontro de Artistas Novos
A proposta foi seleccionada como gañadora entre os proxectos recibidos ao Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Esta convocatoria procura dar visibilidade a artistas emerxentes, ofrecéndolles un espazo expositivo non convencional a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea recoñecida e consolidada como é o EAN.
Biografía da artista
A obra da artista visual Irene Molina (Granada, 1997) abrangue os novos medios con especial atención ao 3D. Na súa práctica artística investiga sobre as relacións que xorden na intersección e hibridación do obxecto dixital e o corpo físico. A súa produción quere xerar pontes entre espazos materiais e virtuais, onde o escultórico convive coa pantalla. A súa preocupación sobre o presente virtual máis inmediato pon o foco na construción e percepción do espazo e o erro dixital. Graduada en Belas Artes pola Universidade de Granada e Máster en Produción artística pola Universidade de Málaga. Recibiu o premio BMW de Pintura na categoría de arte dixital 2022 e residente da XXI promoción da fundación Antonio Gala.