Nova: López Campos defende o audiovisual galego máis vangardista e creativo na estrea galega de ‘La Parra’
12/11/2024
López Campos defende o audiovisual galego máis vangardista e creativo na estrea galega de ‘La Parra’
Lembrou que a Xunta apoiou a realización da película con máis de 115.000 euros a través das liñas de subvención a desenvolvemento en 2019 e á produción en 2021
A longametraxe, galardoada na última edición da Seminci de Valladolid, proxectouse en 12 certames de Europa, América e Asia
A rodaxe tivo lugar de xeito practicamente íntegro en Ferrol e a cargo dun equipo netamente galego
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o valor creativo do audiovisual galego máis vangardista, que sitúa o sector e os seus artífices nos principais festivais de todo o mundo, ao tempo que o fai avanzar en termos económicos e forma parte da identidade galega. Fíxoo durante a estrea galega no marco do festival Cineuropa do filme La Parra, producido por Filmika Galaika baixo a dirección do ferrolán Alberto Gracia, quen recibiu ademais no mesmo acto un dos galardóns do certame.
Na súa intervención, López Campos especificou que a Xunta contribuíu a facer realidade a película a través das convocatorias destinadas ao audiovisual, en concreto polas liñas de desenvolvemento de 2019 e de produción de 2021, a través das que o proxecto foi beneficiario dun total de máis de 115.000 euros. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego dispuxo este ano un investimento próximo aos 6,7 M€ para acompañar todo o proceso de creación cinematográfica en Galicia, desde a escrita de guión ata a comercialización, pasando polos labores de preprodución e rodaxe.
Recoñecemento a Alberto Gracia
O conselleiro, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, sumouse aos parabéns ao ferrolán Alberto Gracia, director de La Parra, por ser un dos Premios Cineuropa 2024 en recoñecemento a toda a súa traxectoria e referiuse ao seu traballo como exemplo dos proxectos que “diversifican e amplían o abano de temas e modelos do noso audiovisual, cun estilo que nos fai medrar e avanzar como sector e como público”.
Tamén subliñou o éxito de crítica que ten colleitado o filme no seu amplo percorrido internacional no que vai de ano por festivais de prestixio, desde a súa primeira proxección no de Rotterdam (Países Baixos), pasando por certames de Uruguai, Estados Unidos, Perú, Arxentina, Corea do Sur, Serbia, Francia, Brasil e Austria, ata a Seminci de Valladolid, onde recibiu o Gran Premio Alquimias que se lles concede aos proxectos máis arriscados.
En cines, o 13 de decembro
La Parra, que terá a súa estrea comercial o vindeiro 13 de decembro, rodouse practicamente na súa totalidade en Ferrol, onde se sitúa a tradicional hospedaxe que lle dá título á película, cun equipo técnico e artístico netamente galego. Alberto Gracia asina tamén o guión que interpretan Alfonso Míguez, Pilar Soto, Lorena Iglesias e Emilio Buale.
Con certa compoñente autobiográfica, La Parra narra a historia de Damián, quen tras a morte do seu pai, volve a Ferrol despois de 20 anos de ausencia. Mentres se atopa aloxado na pensión, a xente comeza a confundilo cun guía turístico desaparecido hai tempo. Na trama, a cidade aparece como unha illa metafórica no medio da nada, un lugar onde semella que non se pode escapar.