Nova: López Campos salienta a importante participación de Galicia en Rutas culturais europeas que “testemuña o valioso patrimonio co que conta a Comunidade”
13/11/2024
López Campos salienta a importante participación de Galicia en Rutas culturais europeas que “testemuña o valioso patrimonio co que conta a Comunidade”
O titular de Cultura da Xunta pon en valor os itinerarios galegos recoñecidos polo Consello de Europa, como o do Camiño de Santiago ou da Arte rupestre prehistórica
Galicia tamén forma parte do Gran itinerario cultural de viquingos, das rutas europeas de cemiterios ou da de Patrimonio e cidades termais
Salienta que todas teñen pegada no xermolo, construción e consolidación dunha identidade e sentimento europeístico
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a “importante participación e inclusión” de Galicia en diferentes itinerarios recoñecidos como Rutas culturais europeas e que considerou que “dá testemuño do valioso patrimonio co que conta a Comunidade”.
Así o salientou na inauguración en Santiago de Compostela na I Conferencia Internacional de Universidades e Rutas culturais, organizada polo Grupo Compostela de Universidades xunto co Instituto Europeo de Itinerarios Culturais do Consello de Europa. Precisamente, na súa intervención garantiu o compromiso do Goberno galego “en continuar reforzando orzamentos e actuacións para manter a preservación e coidado deste relevante legado, e a súa posta en valor”.
O titular de Cultura da Xunta cualificou de “axeitada e propicia” a celebración na cidade de Compostela desta conferencia internacional, xa que lembrou que o Camiño de Santiago foi o primeiro itinerario cultural recoñecido polo Consello de Europa. Ao respecto, atribuíno “á súa incontestable contribución” ao xermolo, construción e consolidación “dun relato colectivo, que acabou conformando unha identidade europea”.
Presenza de Galicia en Itinerarios Culturais Europeos
Ademais, López Campos considerou que reflicte o “cuantioso patrimonio cultural co que conta Galicia” o feito de que a Comunidade tamén estea incluída no Gran itinerario cultural de viquingos, “cuxa relevancia e pegada amósase na exposición que pode visitarse na Cidade da Cultura de Galicia”.
De igual xeito, destacou a integración da Comunidade na Ruta europea dos cemiterios, “que goza, cada vez máis, dun maior interese desde diversos ámbitos, como pode ser o lingüístico”, en referencia ao número de publicacións e estudos sobre o emprego de galego nos ritos funerarios.
En canto a esta ruta, apuntou a recente publicación, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, do libro As horas mortas, de Emma Pedreira, no que se dan a coñecer máis de 300 cemiterios galegos, entre os que se atopan o de Santo Amaro dos mortos da Coruña e o de San Froilán de Lugo, ambos os dous incluídos neste itinerario cultural europeo.
Finalmente, o conselleiro considerou “bastante ilustrativo e significativo” do importante e variado legado patrimonial a circunstancia de que a Comunidade integre os Camiños da Arte rupestre prehistórica, a través do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, e a Ruta europea do patrimonio termal e da cidades termais, na que participa Ourense. “Non hai dúbida que todos estes tipo de bens serven para situar a Galicia en Europa, e a Europa en Galicia, ambas as dúas con identidades propias, pero tamén cun vencello indivisible”, concluíu.