Nova: A Filmoteca de Galicia énchese para o encontro coa directora Pilar Palomero arredor de ‘Los destellos’
13/11/2024
A Filmoteca de Galicia énchese para o encontro coa directora Pilar Palomero arredor de ‘Los destellos’
A Coruña, 13 de novembro de 2024
A Filmoteca de Galicia encheuse na tarde de onte para recibir a directora aragonesa Pilar Palomero, quen protagonizou un encontro co público a propósito da proxección de Los destellos, o seu último filme, no marco do ciclo Close-Up de cinema e perspectiva de xénero. Na sesión conducida por Elsa Tébar, comisaria deste especial que programa ata xuño a cinemateca da Xunta, a realizadora ofreceu algunhas das claves do seu proceso creativo, ademais de reflexionar sobre os temas que aborda no seu cinema e, en especial, na súa última película.
Los destellos, da que se ofrece un segundo pase esta tarde ás 18,00 h., adapta o relato de Eider Rodríguez Un corazón demasiado grande para contar a historia dunha muller que acompaña a súa ex parella nos seus últimos días de vida. Polo seu papel nesta historia, Patricia López Arnáiz acadou a Cuncha de Prata á mellor interpretación protagonista na pasada edición do Festival de Cine de San Sebastián.